Cada día, no mes de outubro, 10 persoas foron ao paro, lacra que volve afectar máis ás mulleres
A Coruña, 5 de novembro de 2013.- O BNG da Coruña pon de manifesto que as cifras de desemprego do mes de outubro confirman a grave tendencia apuntada polos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA). Respecto do mes anterior, o paro creceu en outubro en 300 persoas, chegando ás 23.224, e, outra volta, as mulleres son as principais afectadas, xa que das 23.244 persoas desempregadas, 12.253 son mulleres e 10.971 son homes. Segundo as cifras da Xunta de Galiza, no último mes foron ao paro na cidade da Coruña unha media de 10 persoas ao día.
O BNG alerta de que os datos de outubro van parellos ás cifras catastróficas da EPA, enquisa que reflectiu que en só tres meses foron destruídos perto de 8.000 postos de traballo na nosa cidade. As nacionalistas advirten de que estes datos, xunto a emigración xuvenil que non reflicte o Servizo Público de Emprego, veñen ratificar a grave desertización industrial da cidade e demostran que as políticas antisociais do PP só provocan máis empobrecemento.
A Coruña ten recursos, só hai que poñelos a producir
Neste contexto, o BNG da Coruña urxe o Sr. Negreira a promover os nosos sectores produtivos, os únicos capaces de crear postos de traballo. As nacionalistas salientan que A Coruña ten recursos e que podería erixirse como motor económico de poñer a producir os seus sectores estratéxicos. De aí que o BNG volva instar o Goberno do PP a abandonar as políticas de márketing e propaganda para pasar a promover os sectores produtivos: ría do Burgo, área do emisario de Bens, actividades martítimo-pesqueiras, actividades portuarias, univerisadade, polígonos industriais
Ademais, o BNG insta o Sr. Negreira a poñer en marcha medidas de fomento do emprego para as mulleres, que loitan cada día por tratar de facer compatíbel o traballo produtivo, o reprodutivo e o invisíbel.