O BNG evidencia as manobras do PP para adiar o resultado das auditorías de Nostián

O BNG evidencia as manobras do PP para adiar o resultado das auditorías de Nostián

XOSE MANUELA Coruña, 5 de novembro de 2013.- Pasou un ano desde que o Goberno do Sr. Negreira tivo coñecemento do resultado das auditorías técnica e económica da planta de Nostián. Porén, segue a manter estes resultados baixo chave, favorecendo, unha vez máis, a Albada. Deste xeito, o PP segue a ocultarlle tanto o BNG como o conxunto do pobo, o gran prexudicado da “estafa social” do lixo ao ter que paga por un servizo, o da reciclaxe, que non se presta, o resultado destas auditorías, que foron adxudicadas en novembro de 2011 a KPGM por 37.500 euros (no caso da auditoría económica/estudo de viabilidade da concesión do servizo de tratamento e eliminación de residuos sólidos urbanos no termo municipal da Coruña) e a Applus Norcontrol, S.L, por 35.491,40 euros (no caso da auditoría técnica e ambiental da Planta de Tratamento de Residuos de Nostián).

Lembra o BNG que a outubro de 2012, o Goberno municipal do PP xa tiña coñecemento dos resultados das auditorías e desde ese mesmo momento as nacionalistas insistiron en que se fixesen públicos, co fin de coñecer os incumprimentos de Albada respecto do volume de tratamentos rexeitados, determinándose, así, de que parte é responsábel a empresa e de que parte é responsábel o Concello, en función do contrato de concesión.

Porén, malia ter coñecemento do resultado das auditorías desde outubro de 2012, o Goberno do Sr. Negreira teima en ocultalo e en adialo, e con estes fins ten cambiado de criterios e mesmo de argumentos en resposta ás solicitudes formuladas polo BNG e en resposta ás preguntas dos medios de comunicación. De feito, o Goberno do PP pasou de contestarlle ao BNG que faría público o resultado das auditorías chegado o momento, a negar, aínda no día de onte, a súa publicación.

 

O BNG evidencia os cambios de criterio e de argumentos do Goberno do Sr. Negreira:

  • Novembro de 2012

Decreto de Alcaldía do día 08.11.2012. O Servizo de Medio Ambiente sinala en resposta á solicitude de acceso do BNG ao resultado das auditorías:

“… as auditorías non deben entenderse como un fin en si mesmas… En consecuencia, no marco dun procedemento iniciado para a resolución da reclamación de desequilibrio exposta pola empresa, así como para abordar un plan de viabilidade futura da concesión, as auditorías demandadas constitúen unha ferramenta máis xunto co resto de informes técnicos e económicos municipais necesarios, para chegar a ese fin concreto. E esa solución que se adopte, xunto coa documentación que a acompañe, será sometida aos oportunos órganos de resolución municipal e, por suposto, antes de que se adopte deberá ser posta a disposición dos distintos grupos municipais”

  • Xaneiro de 2013.

A día 09.01.2013, o concelleiro de medio ambiente, Enrique Salvador, sinala, en declaracións aos medios, que:

Malia que os informes xa están en mans do Concello, estes só se empregarán a nivel interno para tomar decisións, non facéndose públicos os informes. Non se trata de documentos públicos, senón dunha ferramenta interna da que farán uso no seu departamento.

Ademais, nun Decreto de Alcaldía de 15.01.2013 e en resposta a unha nova solicitude do BNG, o Goberno municipal sinala que:

"Persisten as circunstancias anteriores" e que "está a formular tecnicamente un plan de viabilidade que xunto coa documentación que se acompañe será sometida aos oportunos órganos de resolución municipais e, por suposto, antes de que se adopte deberá ser posta a disposición dos distintos grupos municipais.

  • Febreiro de 2013

En resposta a unha pregunta do BNG formulada en Pleno ordinario celebrado a 04.02.2013, o edil de Medio Ambiente advirte de que:

“Terase acceso e faráse público, no momento en que finalice o proceso para o cal foron contratadas e elaboradas ambas as dúas auditorías (...) Así que, asegurolle que unha vez que este Plan de viabilidade estea rematado e se eleven aos correspondentes órganos de goberno, as decisións correspondentes, terá vostede luz e taquígrafos de todo o que se acorde nisto”.

  • Setembro de 2013

En resposta a unha pregunta do BNG formulada en Pleno ordinario celebrado a 09.09.2013, o Goberno do PP di:

“Aínda non é o momento de facelas públicas”

Ademais, a 17.09.2013, en xuntanza do alcalde da Coruña co presidente do Consorcio, acórdase crear unha comisión co Consorcio para interpretar os resultados das auditorías.

  • Outubro de 2013

A 30.10.13, en declaracións aos medios de comunicación, o edil de Medio Ambiente pon de manifesto que as auditorías:

“Non conclúen nada” e que “son unha ferramenta de traballo para estabelecer a folla de ruta definitiva para a planta”

  • Novembro 2013

A 04.11.2013, créase unha Comisión co Consorcio para analizar os datos presentados polas auditorías co fin de facer un bo diagnóstico e tratamento.

 

O BNG evidencia as manobras do PP para adiar o resultado das auditorías de Nostián