Bravo cualifica de "intolerábel" o encarecemento das escolas infantís da Xunta de Galiza

Bravo cualifica de "intolerábel" o encarecemento das escolas infantís da Xunta de Galiza

 

A Coruña, 20 de agosto de 2013.- A concelleira do BNG María Xosé Bravo considera intolerábel a decisión da Dirección Xeral de Familia e Inclusión de encarecer un 2,2% o prezo das Escolas Infantís da Xunta de Galiza para o vindeiro curso. As escolas afectadas na Coruña son a de Orillamar, a do Ventorrillo, a de Eirís, a de Monte Alto, a de Santa María de Oza e a de Elviña. Así, o prezo pola atención educativa en xornada completa fíxase en 163,52 euros e o prezo polo servizo de comedor, en 71,54 euros. “Isto significa que unha familia deberá pagar 235 euros por unha praza nunha Escola Infantil pública con comedor e por cada hora que precise ampliar o horario 20,4 euros a maiores”, sinala a nacionalista.

María Xosé Bravo advirte de que o aumento nas tarifas das escolas infantís da Xunta ten lugar “despois do terríbel incremento do ano pasado”. No curso 2012/2013 a atención educativa pasara de custar 110 euros a 160 euros, un incremento de case o 50%. Tamén incrementou entón a Xunta de Galiza até o 112% o prezo servizo de comedor, que pasou a custar a máis do duplo, de 33 euros a 70 euros.

A concelleira do BNG afirma que o encarecemento das escolas infantís é decisión da mesma Consellaría de Traballo e Benestar, dirixida pola coruñesa Beatriz Mato, quen gasta en publicidade para a “dinamización demográfica” un total de 640.000 euros de todas as galegas. Tamén critica María Xosé Bravo a decisión da Xunta de Galiza de manter os concertos con colexios que segregan por sexo, caso dos coruñeses Peñarredonda e do Montespiño.

Un milleiro de solicitudes quedan sen praza para as escolas infantís que se ofertan na cidade

Por iso, María Xosé Bravo empraza o Sr. Negreira a esixirlle á Xunta de Galiza que destine os cartos da publicidade da “dinamización demográfica” e das axudas a estes centros relacionados co Opus Dei a conxelas as tarifas e a crear novas escolas infantís. Alude a concelleira do BNG á escaseza de prazas de escola infantil na nosa cidade, xa que entre as escolas infantís municipais e as da Xunta de Galiza quedan sen atender ao redor dun milleiro de solicitudes.

Bravo cualifica de "intolerábel" o encarecemento das escolas infantís da Xunta de Galiza