O BNG vota en contra do ditame da Conta Xeral do Concello
A Coruña, 8 de xullo de 2013.- O BNG votou en contra, esta mañá na Comisión Especial de Contas, o ditame da Conta Xeral de 2013 que mostra que a nefasta e prexudicial xestión económica do Partido Popular conlevou a un aumento da débeda cos bancos, que chegou a finais do ano 2013 aos 78,21 millóns de euros, e a un aumento de 11,8% da presión fiscal.
Unha débeda, salientan as nacionalistas, que chega até os 98,86 millóns se se contabiliza a devolución de fondos correspondentes á participación nos ingresos do Estado dos anos 2008 e 2009 e que supón que por cada habitante da cidade se adebeda 393,87 euros, o que supón un acrecentamento de 1,3% respecto de 2012.
Alén da débeda, a Conta tamén sinala o aumento da presión fiscal. Así o pago de promedio de cada habitante da Coruña en 2013 foi de 622,76 euros, é dicir, 65,64 euros máis que en 2012, desmentindo desta maneira a suposta conxelación fiscal da que tanto presume o Goberno do Sr. Negreira e evidenciando o encarecemento da vida da cidadanía ao subir os impostos e ter que pagar máis.
Ademais a Conta mostra, tamén, que había 5.370.944,67 euros de facturas do mandato de Negreira que quedaran pendentes de aplicar ao orzamento de 2013 e por tanto non foron abonadas aos provedores en 2013, nin se contemplaron no orzamento de 2014, razón pola que o primeiro modificativo de crédito de 2014, aprobado inicialmente, destina 3,81 millóns a pagar estas facturas.
As axudas do Concello á Compañía de Tranvías é outro dos puntos salientábeis da Conta Xeral, que revela que a empresa concesionaria recibiu en 2013 un total de 9,71 millóns de euros en subvencións municipais. Precisamente, esta cantidade aparece recollida no apartado da Conta Xeral de transferencias e subvencións concedidas significativas durante o exercicio 2013, feito que chama a atención, pois o PP negaba que se tratasen de subvencións municipais á empresa, recoñecéndoo agora a documentación municipal explicitamente.
As nacionalistas solicitaron en comisión (xa o fixeran formalmente por escrito o pasado día 3 de xullo, achégase dixitalizado) que se incorpore xunto á Conta Xeral de 2013 os reparos de legalidade, xa que a día de hoxe non está a dispoñibilidade dos grupos municipais este documento onde se recollen todos os pagos aos que intervención formulou advertencias.