O BNG súmase ás protestas contra os despedimentos en Atento
A Coruña, 15 de abril de 2013.- A concelleira Avia Veira participou esta mañá, como vén sendo habitual desde que se coñeceron os despedimentos en Atento, na concentración convocada polas traballadoras da empresa, que vai botar á rúa 142 persoas. A nacionalista pon de manifesto que o Goberno municipal ten a obriga de defender as empregadas e os postos de traballo na Coruña e denuncia que non o está a facer, como tampouco está a condenar o Sr. Negreira as prácticas abusivas deste tipo de empresas. E é que Atento xustifica o despedimento destas 142 persoas aludindo a unha suposta diminución do volume de chamadas deste servizo, que se debe ao desvío de chamadas a outros centros de traballo.
Avia Veira cualifica de vergoñento que o alcalde renuncie a implicarse na defensa dos postos de traballo en Atento. Nesta liña, critica o pasotismo do Goberno municipal ante os despedimentos na empresa que presta servizos a Movistar, en Darty e, máis cedo que tarde, na fábrica de armas. A nacionalista empraza o Sr. Negreira a intervir para evitar a destrución de postos de traballo en Atento e ínstao a rescindir as relacións e contratos que mantén o Concello da Coruña con Movistar no caso de levárense a cabo estes despedimentos.
Manifestación mañá, martes, ás 20h, desde Juan Flórez
A concelleira nacionalista anuncia que o BNG se sumará, como vén facendo nos paro que as traballadoras convocan cada día, á manifestación que partirá mañá ás 20h desde o centro de traballo de Atento, situado na rúa Juan Florez. Avia Veira fai un chamamento á cidadanía a secundar a mobilización contra a destrución de emprego. Está prevista a participación na manifestación do portavoz do BNG no Parlamento de Galiza, Francisco Jorquera e das concelleiras nacionalistas, entre outros cargos orgánicos e institucionais do BNG e militantes.