O BNG culpa o Goberno central do abandono que sofre o edificio do cárcere
A Coruña, 15 de abril de 2013.- O Grupo Municipal do BNG considera que o Sr. Negreira debería emprazar o Goberno central a acabar co deterioramento que sofre o edificio do cárcere, un inmoble que desde que o goberna o Partido Popular na cidade non volveu abrir. As nacionalistas alertan do perigo que corre este edificio singular se non se rehabilita e advirten de que mentres non se faga efectiva a cesión do cárcere ao Concello da Coruña é o Goberno central o responsábel da súa conservación. Ademais, sinalan que unha vez se traspase a titularidade do inmoble ao Concello será o Concello quen teña que asumir a rehabilitación duns danos provocados polo abandono e polo desleixo de Institucións Penitenciarias.
O Grupo Municipal do BNG lamenta que o Goberno do Sr. Negreira non lle permita á cidadanía nin aos movementos sociais que traballan para recuperar este espazo coñecer que vai acontecer co cárcere e se vai ser rehabilitado. De feito, o Goberno municipal non respondeu a unha batería de preguntas presentadas polo BNG sobre as actuacións urxentes a acometer no edificio do antigo cárcere provincial nin sobre a cesión deste inmoble de titularidade estatal do Concello.
En outubro de 2005, o Concello da Coruña, a Dirección Xeral de Institucións Penais, a Sociedade Estatal de Infraestruturas e Equipamentos Penitenciarios asinaron un convenio para construción dun centro de inserción social e para devolverlle á cidade a antiga prisión. O Concello comprometíase a entregarlle á Sociedade Estatal a cantidade de 1,127 millóns para compensar a diferenza de valor entre os bens permutados. Precisamente, os orzamentos municipais de 2013 recollen unha partida de 300.000 euros para o pago do convenio entre o Concello, a Dirección Xeral de Institucións Penitenciarias e a Sociedade Estatal de Infraestruturas e Equipamentos Penitenciarios.