O BNG reparte bandeiras da Patria en distintos puntos da cidade
A Coruña, 21 de xullo de 2014- Dentro da campaña que o Bloque Nacionalista Galego da Coruña está a desenvolver no marco do Día da Patria, o BNG realizará un reparto de bandeiras da Patria en distintos puntos da cidade para pendurar nos balcóns e fiestras. No día de hoxe, o BNG repartirá as bandeiras ás 19h na Gaiteira, mañá martes será a quenda da rúa Barcelona (á altura do mercado) tamén ás 19h e o mércores, á mesma hora, o reparto de bandeiras trasládase aos Xardíns de Méndez Núñez.
Precisamente, os Xardíns de Méndez Núñez acollerán o mércores o acto central que desenvolve o BNG da comarca da Coruña con motivo do Día da Patria, a ofrenda floral coa que o Bloque e Galiza Nova homenaxean cada ano a Curros Enríquez. Ademais da intervención do portavoz nacional, Xavier Vence, o acto contará con música e coas reivindicacións de persoas afectadas polas políticas antisociais do Partido Popular.
Os actos da campaña do Día da Patria, que deron comezo o pasado venres cun concorrido coloquio, rematan o propio 25 de xullo en Compostela, onde terá lugar a manifestación nacional, que parte ás 12h da Alameda. Para facilitar a asistencia das persoas á mobilización, o BNG pon buses a disposición dos interesados e interesadas.