O BNG recrimínalle ao PP que aínda non aprobara a ordenanza de transparencia e do bo goberno
A Coruña, 19 de setembro de 2014.- Tras a publicación no DOG de hoxe do acordo do Consello da Xunta de Galiza de 24 de xullo polo que se aproba o Código ético institucional da Xunta de Galiza, o Grupo Municipal do BNG lembra que a día de hoxe o Goberno Local aínda non levou a Xunta de Goberno Local o proxecto de ordenanza de transparencia e do bo goberno que encomendou a súa elaboración a unha empresa privada e pola que pagou en decembro de 2013 19.914 euros.
As nacionalistas lembran que o Goberno do Sr. Negreira xustificou no pasado mes de xullo, a unha serie de preguntas escritas do BNG, que o proxecto de ordenanza estaba, entre outras cuestións, nun hipotético proceso de mellora do contido da mesma ao abeiro da Lei 19/2013 de transparencia, acceso á información e bo goberno, que leva publicada xa hai máis de nove meses, en concreto o 10 de decembro de 2013.
O BNG lembra que esta ordenanza de transparencia e bo goberno, que debe estar adaptada ás exixencias da Lei 19/2013, supostamente ten que deixar moi claras as obrigas do bo goberno e da ética pública que deben cumprir os responsábeis públicos, así como as consecuencias derivadas do seu incumprimento e debe contribuír, entre outras cousas, a fomentar o valor da transparencia na administración, mellorar a participación e a confianza da cidadanía na administración local e xeralizar boas prácticas no servizo público.