O BNG reclamará en Pleno a retirada das denuncia @s veciñ@s de Monte Alto e Durmideiras
A Coruña, 19 de febreiro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG vai levar a Pleno unha iniciativa para solicitar a retirada das denuncias aos veciños e veciñas de Monte Alto que sacaron uns cartaces contra a especulación en Durmideiras no transcurso da sesión plenaria de 6 de agosto de 2012. As nacionalistas ven lamentábel o que cualifican como represión do Goberno municipal, unha actitude máis propia de épocas pretéritas que dunha suposta democracia. Por iso, emprazarán o Goberno do Sr. Negreira a retirar a denuncia presentada contra este grupo de sete persoas, entre eles, membros da Asociación de Veciños das Atochas-Monte Alto-Torre de Hércules, que xa están citadas para unha vista xudicial en maio.
O Grupo Municipal do BNG, que acusa o Partido Popular de acosar a asociación de veciños e veciñas desta entidade veciñal, considera que é un dereito fundamental da cidadanía participar en democracia e amosar o seu malestar por actuacións que lles afectan. Con este tipo de manobras, o PP pretende disuadir a veciñanza de asistir ás sesións plenarias. As nacionalistas, que reivindican a participación directa dos veciños e veciñas nas reunións do Pleno, sinalan que as actitudes despóticas deste Goberno municipal e mais da organización política que o ostenta están a rematar coa democracia.
Precisamente, no Pleno ordinario de xaneiro, o Grupo Municipal do BNG presentou un rogo oral en que reclamaba "que o Goberno municipal deixe o pobo asistir con liberdade ás reunións dos seus organismos, que deixe de empregar a Policía Local para disuadilo e que promova o cumprimento das disposicións do Regulamento Orgánico de Participación Cidadá que permiten participar directamente a cidadanía nas reunións do Pleno".