O BNG propón que a web do Concello se sume ao PuntoGal
A Coruña, 25 de agosto de 2014- O Grupo Municipal do BNG proponlle ao Goberno do Sr. Negreira que o Concello da Coruña se sume á iniciativa do PuntoGal e utilice este dominio para a web www.coruna.gal e para as demais de ámbito municipal, como xa están a facer organismos, institucións e empresas para identificar o noso país na internet.
As nacionalistas cuestionan que o Goberno local non impulsase a participación do Concello da Coruña no programa Pioneiros do PuntoGal, tendo en conta que a nosa cidade debería de ser un referente para promover a comunidade galega na internet. O propio Parlamento de Galiza aprobou en xuño, por unaminidade dos partidos políticos representados na Cámara, unha declaración institucional na que recoñece o logro da obtención do dominio e a súa importancia para o desenvolvemento da internet no noso país. E é que coa utilización deste dominio .gal preténdese promover a difusión e facer visíbel a nosa lingua e a nosa cultura, ademais de situar Galiza no mapa das comunicacións por internet con carácter universal.
O BNG, no programa Pioneiros do PuntoGal
O pasado Día da Patria, o BNG sumouse ao programa Pioneiros da iniciativa PuntoGal e foi unha das primeiras 90 entidades en contar con esta ferramenta na internet estreando novo enderezo electrónico coa denominación bng.gal que pasou a substituír o actual bng.org en todas as súas comunicacións na rede.
O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que o recoñecemento público e o éxito de acollida do PuntoGal demostra que a sociedade galega apoia a normalización do idioma nos máis diversos ámbitos. Máis de 120 colectivos, as principais institucións culturais do país, as tres universidades, colexios profesionais, empresas de novas tecnoloxías, medios de comunicación, asociacións culturais de base, formacións políticas e milleiros internautas a título individual amosáronse a prol deste identificador para a lingua e cultura galegas na longa carreira para que a ICANN concedese este dominio propio para Galiza.