O BNG presentará nos concellos da comarca mocións contra o Tratado Transatlántico de Comercio
A Coruña, 11 de outubro de 2014- O BNG da Comarca da Coruña anuncia a presentación dunha moción contra o Tratado Transatlántico de Comercio e Investimento (TTIP en inglés) en todos os concellos da contorna. Deste xeito, o Bloque busca declarar os concellos municipios insubmisos e libres do TTIP, defendendo os servizos públicos básicos para a solidariedade e redistribución social. As nacionalistas tamén perseguen solicitar do Ministerio de Administracións Públicas o seu apoio a todas as iniciativas dirixidas a manter o carácter público dos servizos básicos, instar o Ministerio de Economía a que solicite que se faga pública toda a documentación en relación ao tratado, con base no Regulamento 1049/2001 da Unión Europea, e exixirlle ao Ministerio de Economía a suspensión das negociacións do TTIP.
Na iniciativa, o BNG denuncia que a Unión Europea (UE) e os Estados Unidos de América (EUA) negocian, de costas ao pobo e ás institucións que o representan, un amplo acordo de liberalización de comercio e investimentos, que supón un serio perigo para a democracia e a debida protección dos dereitos sociais, laborais, ambientais e de saúde. Anteponse, critican as nacionalistas, o interese comercial de investidores e empresas transnacionais (ETN) ao interese xeral.
Nesta liña, o Bloque expón que o tratado persegue a liberalización total e o desmantelamento dos servizos públicos. Ao mesmo tempo, denuncia, promove instrumentos non democráticos que garanten os beneficios económicos das empresas transnacionais, o que supón unha cesión da soberanía aos poderes económicos. Na medida en que o citado tratado representa unha ameaza real para as Administracións locais, o BNG entende que os concellos da comarca da Coruña teñen que se pronunciar sobre o seu rexeitamento.