O BNG pregúntase a que espera o Goberno municipal para crear un banco de locais comerciais

O BNG pregúntase a que espera o Goberno municipal para crear un banco de locais comerciais

A Coruña, 14 de xuño de 2013.- O Grupo Municipal do BNG pregúntase a que espera o Goberno do Sr. Negreira para reaccionar ante o esmorecemento do que era, até o de agora, o corazón comercial da cidade, a rúa Real, unha rúa na que se contabilizan, a día de hoxe, 17 locais comerciais pechados. O colectivo de comerciantes vincula os frecuentes peches que están a desertizar a rúa Real cos elevados prezos dos alugueres.

Neste contexto, o BNG pregúntase a que espera o Goberno municipal para levar adiante a proposta das nacionalistas e crear, así, un banco de locais comerciais con alugueres asequíbeis. Trataríase de elaborar dunha listaxe de baixos comerciais, que inclúa os baleiros e en desuso, para a súa oferta en réxime de aluguer barato.

O Grupo Municipal do BNG aposta por que o Concello da Coruña desenvolva dunha normativa de baixos orientada á procura da rexeneración do pequeno e mediano comercio, un dos sectores estratéxicos da nosa cidade. A este respecto, as nacionalistas lembran a boa experiencia dos bancos de terra impulsados polo BNG desde a Xunta de Galiza.

 

O BNG pregúntase a que espera o Goberno municipal para crear un banco de locais comerciais