O BNG pregunta que acontece coas licitacións de Emalcsa, que se modifican ou anulan
A Coruña, 18 de outubro de 2014- O Grupo Municipal do BNG pregúntase que está a acontecer coas licitacións de Emalcsa, pois son modificadas ou, directamente, anuladas. A última inicidencia en materia de contratos da empresa municipal de augas foi a anulación da licitación e mais do prego da Compra pública innovadora de servizos de Bio Tecnoloxía dentro do proxecto Coruña Smart City, cofinanciado co programa operativo FEDER 2012-2013, en outras palabras, a elaboración dun estudo para detectar fugas de auga e localizalas mediante o ruído.
O anuncio de licitación e os prego deste contrato (achéganse xunto á nota) foron publicados na Plataforma de Contratación do Estado o 03.10.2014 ás 14:33h. E apenas 11 días despois, o 14.10.2014 ás 08:35h foron anulados. Como motivo da anulación, tanto no caso da supresión do anuncio de licitación como do anuncio dos pregos, sinálase que os pregos conteñen erros e estanse elaborando outros que o substitúan e que como queira que se anularon os pregos por conter erros, descoñecéndose a data en que se publicarán aqueles que os substitúan, procédese así mesmo á anulación do anuncio xa que o prazo de presentación de ofertas finalizaría o venres, día 17.10.2014.
Precisamente, as nacionalistas foron críticas con este contrato que lle supuña a Emalcsa pagar 400.000 euros (330.578,51 euros sen IVE) nun labor que vén desenvolvendo a propia empresa municipal desde hai 100 anos. Así, o BNG denuncia que á vista do contido do prego de cláusulas administrativas e técnicas, a contratación deste novo estudo buscaba dotar de sentido a operación propagandística da Smart City e ter, así, en que gastar os cartos. As nacionalistas sinalaran entón que o estudo, máis propagandístico que de interese xeral, representaba un novo exemplo de que o Goberno do Sr. Negreira malgasta en aplicacións, dispositivos e sistemas que nada teñen a ver coa redución das desigualdades sociais nin coa calidade de vida da veciñanza.
O BNG advertira de até dúas modificacións no contrato anterior de Emalcsa, o do servizo de limpeza dos sumidoiros, moi lesivo economicamente para a empresa municipal
Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG xa advertira de até dúas modificacións no contrato anterior publicado por Emalcsa, o do servizo de limpeza dos sumidoiros, que foi cambiado tan só catro días despois de coñecerse o prego de condicións sen razóns que o xustificasen. Así, a empresa de augas anulou 29.09.2014 o prego de condicións que fora publicado o 24.09.2014 na Plataforma de contratación do Estado e substituíno por outro prego, o mesmo 29.09.2014. E o 2.10.2014 rectificou o novo prego.
As nacionalistas xa advertiran de que se ben é certo que no prego en licitación se aumentan as horas do servizo respecto de 2010, pasando de 11.000 euros a 12.500, tamén é certo que o prezo á hora do servizo acrecenta cáseque un 50% respecto de 2010 (pasa de custar 64,10 euros á hora a custar 96 euros), o que conleva un negocio suculento para a empresa que resulte adxudicataria. Ademais, as nacionalistas denunciaran que este contrato, por catro anos de duración e prorrogábel a outros dous, anualmente, ten un valor estimado de licitación de 7.200.000 euros (IVE excluído), mentres que o prego de 2010, dous anos de duración e prorrogábel a outros dous, tiña un valor estimado de 2.820.400 euros (IVE excluído). Polo tanto, cada ano do servizo está licitado no prego en licitación en 1.200.000 euros (IVE excluído) e no prego de 2010 estaba en 705.100 (IVE excluído), é dicir, un 70,18 % polo mesmo obxecto do contrato.