O BNG pídelle explicacións ao Goberno local sobre o convenio coa AJE sobre o C.C. do Ventorrillo
A Coruña, 6 de marzo de 2014.- O Grupo Municipal do BNG pediralle ao Goberno local explicacións, a través dunha pregunta escrita, por que o convenio de colaboración entre o Concello da Coruña e a Asociación de Jóvenes de A Coruña (AJE) non chegou a termo. E é que o convenio tiña por obxecto un centro de actividades e emprendemento que poría en marcha a entidade empresarial nas instalacións do centro comercial do Ventorrillo e para o que Concello destinou, no primeiro modificativo de crédito do ano 2013, 60.000 euros.
As nacionalistas lembran que esta cantidade, que finalmente foi de 30.000 , saiu de dar de baixa, entre outras, a partida destinada a axudas públicas en concorrencia competitiva para desenvolvemento empresarial, e despois de que o Goberno municipal reprogramara o Urbana C, eliminando o proxecto de viveiro de empresas de titularidade pública.
O BNG sinala que a día de hoxe ese investimento realmente non se traduciu no que era o obxecto, a creación dun centro de actividades e emprendemento, senón na elaboración dun Plano estratéxico segundo a memoria á que tiveron acceso as nacionalistas.
As nacionalistas critican a política propagandística do Concello da Coruña, e en concreto a Concellaría de Economía e Emprego, que mostra máis unha vez a falta de ideas para reactivar a economía orzando partidas que posteriormente non se executan na súa totalidade, recorrendo a terceiros para o desenvolvemento de proxectos que ao final non chegan a executarse como nun principio se tiña anunciado ou na elaboración de planos que nunca chegan a acadar o seu obxectivo, que debería ser a creación de emprego, tal e como mostran os datos do paro.