O BNG alega ao novo Regulamento de Escolas Infantís porque non garante o acceso equitativo
A Coruña, 14 de marzo de 2014- O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego presentou esta mañá as súas alegacións á aprobación inicial do Regulamento de organización e funcionamento das escolas infantís integradas na rede de escolas infantís municipais (REIM) do Concello da Coruña.
Nas súas alegacións (achéganse dixitalizadas) as nacionalistas poñen de manifesto que a pesar de xustificar o Goberno a modificación do anterior regulamento nas Conclusións do Consello da UE sobre educación infantil, de 15 de xuño de 2011, onde se recolle como primeiro obxectivo Facilitar o acceso equitativo a unha educación infantil de alta calidade, en particular ás crianzas que proceden dunha contorna socioeconómica desfavorecida, da inmigración ou do medio xitano, ou con necesidades educativas especiais, incluídas as que se derivan de discapacidades, porén o regulamento, nin nos requisitos de acceso ás escolas, nin en ningunha parte do texto, se nomea explicitamente ao colectivo xitano nin á poboación inmigrante.
As nacionalistas apuntan nas súas alegacións que o regulamento non é equitativo na medida en que segue a discriminar ás familias máis pobres e en situación máis desfavorecida. Así no artigo 24, cando se refire ao proceso admisión, no seu punto 4.4 sobre situación laboral, se os dous proxenitores traballan poderían acadar até 12 puntos e e se os dous están desempregados 4 puntos. Alén disto, salientan as nacionalistas, hai familias que non pertencen a ningún destes dous colectivos, pois nin están a traballar, nin están no desemprego. Son aquelas familias pensionistas ou inmigrantes sen papeis, aos que nin tan sequera se lles permite apuntarse no Servizo Galego de Colocación, que terán 0 puntos.
Esta diferenza de puntuación converte, afirman as nacionalistas, en que calquera outra variábel (falta de ingresos familiares, discapacidades...) resulte inútil.
Outra das cuestións que alega o BNG é que no art. 24, que fala dos requisitos de acceso, no apartado 3.4 recolle que só se admitirá un menor con necesidades específicas de apoio educativo por unidade, ao igual que no regulamento vixente, o que non semella respostar esta limitación ás Conclusións do Consello da UE sobre educación infantil. E aínda que é certo que o propio artigo sinala que se atenderá se en función das necesidades dese alumnado se poden cubrir máis prazas, mais debería engadirse que se garantirá unha praza na rede pública ou se adscribirá ao centro algún tipo de axuda , xa que como está redactado pode ser terribelmente inxusto.
As alegacións, un total de 12, fan tamén mención a que no artigo 4, que fala da natureza do servizo que prestan as escolas infantís, sinala que ten unha natureza dupla, por unha banda educativa e por outra asistencial, mais cando fai referencia á educativa reincide no carácter asistencial; tamén sinalan que non recolla como documentos do centro, art. 17, a proposta pedagóxica; nin que se arbitren, art. 18, medidas para dar resposta desde o ámbito municipal a aquelas familias que queren escolarizar ás súas crianzas en galego. Para alén diso, na norma non se fai uso dunha linguaxe inclusiva, nin se ten en conta que pode haber máis de unha ANPA por escola, ou que o calendario e horario escolar, recollido no art 19, non se corresponde co art. 25 do Decreto 329/2005, ademais de trazar unhas horas mínimas dos menores no centro para as que non existen razóns nin legais, nin pedagóxicas.