O BNG pide que a Rolda de Monte Alto sexa cuberta polo bus urbano

O BNG pide que a Rolda de Monte Alto sexa cuberta polo bus urbano

busesA Coruña, 15 de xuño de 2014- En resposta ás demandas dos veciños e veciñas, que lle foron trasladadas ao grupo de barrio de Monte Alto, o Grupo Municipal do BNG vén de rexistrar dúas iniciativas sobre a necesidade dunha liña de autobús urbano que preste servizo a través da Ronda de Monte Alto. E é que malia existir numerosa poboación que habita nesta rúa, os autobuses da Compañía de Tranvías non prestan servizo nela. Así, os veciños e veciñas que se puxeron en contacto co grupo de barrio do BNG solicitan que no canto de centralizárense as liñas do bus urbano na rúa Santo Tomás se derive algunha das liñas á Rolda de Monte Alto.

Mediante un rogo, o Grupo Municipal do BNG pídelle ao Goberno do Sr. Negreira que, aproveitando que se van reorganizar as liñas de autobús, adopte as medidas oportunas para garantir que a Compañía de Tranvías habilite algún servizo de autobús na Rolda de Monte Alto. Ademais, o Bloque preguntoulle ao Goberno municipal se ten pensado poñerse en contacto coa Compañía de Tranvías para que se estabeleza algunha liña que circule pola Rolda de Monte Alto e cando se prevé a súa posta en marcha.

Atrasos nas liñas de bus causados polas obras da Mariña

Pola outra banda, en relación ás frecuencias das liñas de autobús, o Grupo Municipal do BNG advirte de continuos atrasos desde o día do peche do túnel de María Pita. Así, estase a converter en inusual que as distintas liñas cumpran co horario estabelecido, pois as retencións no centro da cidade están a ser a tónica desta última semana. O BNG tamén recibiu queixas por parte de persoas usuarias do bus dados estes atrasos causados polas obras da Mariña.

 

O BNG pide que a Rolda de Monte Alto sexa cuberta polo bus urbano