O BNG participa no peche no IES de Zalaeta este mércores ás 17h contra a LOMCE
A Coruña, 9 de abril de 2013.- O Bloque Nacionalista Galego da comarca da Coruña participará mañá, mércores, no peche organizado pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público no IES Menéndez Pidal (Zalaeta). As nacionalistas animan a cidadanía a se sumar a este acto de protesta, que se desenvolverá a partir das 17h até ás 10h do xoves, contra o modelo educativo do PP, nomeadamente a Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE), xa coñecida como a "Lei da Wertgoña".
O BNG amosa o seu total rexeitamento aos recortes que están a liquidar o ensino público galego como dereito de todas a unha formación de calidade. As nacionalistas denuncian que a LOMCE é reaccionaria, españolizadora, privatizadora, clasista, antipedagóxica, antidemocrática e confesional, unha lei que liquida a igualdade de oportunidades e que expulsa do ensino os sectores sociais máis desfavorecidos da sociedade.