O BNG participa na protesta contra a política educativa do PP e pide a dimisión do conselleiro

O BNG participa na protesta contra a política educativa do PP e pide a dimisión do conselleiro

A Coruña, 12 de decembro de 2013.- As concelleiras do BNG Ermitas Valencia e Avia Veira participaron, xunto con representantes de Galiza Nova, dos Comités e da CIG Ensino, na protesta desta mañá contra a política educativa do Partido Popular ás portas do CEIP Raquel Camacho, coincidindo coa visita do conselleiro de Educación.

Á chegada do conselleiro, as persoas participantes pedíronlle a dimisión e proferiron consignas como “Non aos recortes no ensino”, “Non á Lomce” ou “Menos sobres e máis comedores”, en alusión ás medidas regresivas do Partido Popular en materia de educación.

Neste contexto, o BNG denuncia a intención do PP de privatizar a educación e de subvencionar os colexios segregadores. De feito, a LOMCE privilexia o ensino privado e reviste de legalidade uns centros que carecen de “equidade”, á vez que reduce os medios e recursos no ensino público.

O Bloque pon de manifesto que o PP afasta a educación pública da laicidade e acúsao de vulnerar as competencias autonómicas e mais de poñer a educación pública ao servizo de intereses económicos. Estamos ante PP que avanza na destrución do ensino pública, salientan as nacionalistas.

 

O BNG participa na protesta contra a política educativa do PP e pide a dimisión do conselleiro