O BNG organiza unha palestra e a proxección dun documental contra a mina de Corcoesto
A Coruña, 10 de xuño de 2013.- O BNG da comarca da Coruña organiza esta tarde un acto público contra a megamina salvaxe de Corcoesto. Así, a partir das 20h na A.C. Alexandre Bóveda (r/Olmos, 16), terá lugar unha palestra a cargo de dous membros da plataforma Contramínate e a proxección dun documental sobre a mina. Cos actos na rúa, o BNG, que chegou a levar a voz das plataformas contra a megaminaría a Bruxelas, complementa a intensa actividade parlamentaria e institucional para frear a explotación bárbara dos nosos recursos.
Co acto que terá lugar esta tarde, as nacionalistas queren denunciar a estratexia das multinacionais mineiras, apoiada pola Xunta, que vai abrir o país en canal. O partido do Sr. Negreira está a apoiar este proxecto irresponsábel, que pon en mans das multinacionais mineiras os nosos recursos sen ningún tipo de planificación nin controis medioambientais nin sanitarios, deixando detrás unha pegada de contaminación para as xeracións actuais e, sobre todo, futuras. A colaboración da Xunta de Galiza, que apoia este modelo colonial de expropiación dos nosos recursos, chega ao extremo de estar financiando, con recursos de todas as galegas, os estudos pseudotécnicos que están realizando as empresas mineiras para o seu propio interese.
O BNG da comarca da Coruña advirte de que o proxecto de minaría de Corcoesto é un dos máis agresivos co medio, xa que será unha mina a ceo aberto que utiliza as técnicas máis perigosas, como é o uso do cianuro para separar o mineral e o arsénico. De aí alerte de que a multinacional levará o ouro de Galiza e deixará aquí o arsénico e o cianuro. E é que a riqueza da explotación de Corcoesto, que vai estar aberta apenas un lustro, mentres dure a burbulla especulativa do ouro, vai voar integramente ás contas de Edgewater e aquí van quedar, durante décadas, toneladas e toneladas de residuos contaminantes perigosísimos. Os gases desprendidos da minaría a ceo aberto, os líquidos incontrolados e os residuos van danar a nosa saúde e a agricultura, así como a produción leiteira. Co visto e prace de Feijóo, uns poucos anos de explotación van deixar veleno que vai durar décadas ou séculos.
Pola outra banda, o BNG acusa o Partido Popular de mentir en relación aos postos de traballo que se crearán, xa que van ser moi poucos empregos, e de carácter temporal e precarios. Ademais, a mina de Corcoesto ameaza con destruír moitos máis empregos na agricultura da zona, no marisqueo da Ría de Ponteceso e nas actividades turísticas da zona.
A mina de Corcoesto, en númerosO proxecto mineiro de Corcoesto afectará 7.736.000 m2, o equivalente a 716 campos de fútbol e moverá ao ano 23 millóns de toneladas de terra. Para producir unha soa onza de ouro terán que moverse 79 toneladas de terra. Ao consumo de auga de 2.800.000.000 litros súmase o uso diario de 1,49 toneladas de cianuro. Outros dos impactos será o desvío do río Lourido en 2.740 metros e as balsas situadas a 200 metros das vivendas máis próximas. E todo isto co apoio e patrocinio da Xunta de Galiza.
O cianuro sodio usado a nivel industrial é un dos velenos máis potentes que pode causar danos irreparábeis ás persoas e ao medio ambiente. Pode afectar ao aparato respiratorio e aos sistemas cardiovascular, gastrointestinal, neurolóxico, ocular e dérmico.