O BNG oponse á supresión da extra de Nadal e lembra que hai medidas compensatorias
A Coruña, 20 de decembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG participou esta mañá na concentración dos traballadores e traballadoras municipais, que convocaron un paro de 2 horas baixo o lema "Paga extra para todos". Os nacionalistas lembran que hai resortes para aboarlles aos empregados e empregadas municipais o correspondente á paga extra de Nadal. Poñen como exemplo o caso dos Concellos de Pontevedra, Bueu ou Poio, gobernados polo BNG, que, fronte ás políticas letais do PP, resarcirán economicamente os traballadores e traballadoras do Concello pola supresión da paga extra de Nadal.
Os nacionalistas poñen de manifesto que os empregados e empregadas municipais, así como os empregados e empregadas públicas, en xeral, teñen pleno dereito a seren xustamente retribuídos polo seu traballo. De percibiren a paga extra, como lles correspondería, veríase beneficiado tamén o tecido produtivo da Coruña, nomeadamente o pequeno e mediano comercio, que calcula unha caída das vendas do 40% neste Nadal, como consecuncia das medidas antisociais adoptadas polo PP.
O Grupo Municipal do BNG conclúe que a obriga do Goberno central e do municipal non é seguir saqueando a xente para seguir cebando a banca e os seus amigos. De aí que os inste a non quitarlles pagas extras aos traballadores e traballadas públicas para seguir engordando os seus amigos e para que todo vaia peor, o comercio feche e o desemprego aumente.