O BNG non determinará o seu voto sobre o orzamento até ter acceso ao expediente definitivo

O BNG non determinará o seu voto sobre o orzamento até ter acceso ao expediente definitivo

A Coruña, 24 de febreiro de 2016.- O Grupo Municipal do BNG da Coruña valora como positiva a reunión mantida esta mañá que deu continuidade á mantida onte e na que se lle trasladou ao Executivo local as principais propostas de cara a incluír no documento final dos orzamentos.

O Grupo Municipal do BNG valora positivamente que o Goberno local aceptase algunhas das súas achegas mais non determinará o seu voto sobre o orzamento até ter acceso ao expediente definitivo

Momento da comparecencia de Avia Veira ante os medios posterior á reunión desta mañá

E é que as nacionalistas entenden que o Goberno da Marea asumiu moitas das súas propostas, tanto de políticas concretas como de actuación concreta nos barrios. Así, destaca o Bloque, que se incorporan as súas achegas, por exemplo, no que ten a ver con mercados, co aumento na partida destinada a reformas nestes até os 300.000 euros, ou, no que se refire á área de Cultura, no investimento na merca de libros, que quedaría en 119.459,50 euros equiparándose a cifras semellantes ás de 2011, ou mesmo tamén recuperando o apoio á Feira do Libro cunha nova aplicación de 20.000 euros.

“Tamén dentro da área de Educación tívose en conta a nosa achega na que se solicitaba  o aumento na aplicación da partida de obras específicas nos CEIP até 460.238,13 euros e coas actuacións concretas no Edificio dos Mestres no CEIP Sanjurjo de Carricarte, co acondicionamento do espazo para comedor CEIP Labaca ou nas cubertas do CEIP María Barbeito” sinalou Avia Veira.

Por outra banda, o Grupo Municipal do BNG tamén valora positivamente que foran tidas en conta algunha das súas propostas de actuacións nos barrios e que, no seu conxunto, foran trasladadas pola veciñanza nos últimos meses e na propia elaboración do programa electoral.

Mais tamén o BNG lembra que puxo enriba da mesa cuestións como a remunicipalización de servizos, que foi desbotada polo Goberno local, ou a solicitude da suba da cantidade destinada á Renda Social Municipal, que tampouco foi tida en conta baixo o argumento de que a partida asignada para o ano 2016 é considerada suficiente tendo en conta a propia entrada en vigor da ordenanza da Renda.

As nacionalistas demandáronlle ao Executivo local que lle remitisen por escrito as propostas do BNG que foron aceptadas

Así mesmo, o Bloque demandoulle ao Goberno municipal que lle achegase por escrito a resposta ás súas propostas, do mesmo xeito que as nacionalistas deron traslado daquelas para primeiro facer unha análise rigorosa de que propostas son aceptadas e cales non.

Por último, desde o Grupo Municipal do BNG insisten en sinalar que no queren adiantar acontecementos. Non tomaremos a decisión sobre o noso voto até ter diante a redacción final do expediente final xa que a proposta de orzamentos pode sufrir modificacións, ou mesmo achegas doutros grupos políticos e queremos examinar o documento co formato como iría a Xunta de Goberno Local no que consten os informes preceptivos” conclúe Avia Veira.

 

Artigos relacionados

O BNG non determinará o seu voto sobre o orzamento até ter acceso ao expediente definitivo