O BNG leva ao Congreso as deficiencias da Axencia Tributaria na atención @s contribuíntes
A Coruña, 17 de abril de 2015.- A instancias do BNG da Coruña, a deputada nacionalista Olaia Fernández vén de denunciar no Congreso, a través dunha iniciativa, os problemas de atención da Axencia Tributaria, que están a causar un gran malestar e numerosas protestas na Delegación de Facenda na cidade da Coruña. Estes cambios, advirte a deputada do Bloque, son froito dos recortes do Goberno central e castigan as persoas que non teñen acceso á internet.
A parlamentar do BNG alerta na iniciativa de que os tesoirazos na atención persoal impiden o acceso das persoas en igualdade de condicións aos servizos da Axencia Tributaria. Neste sentido, critica que se requira a cita previa a través do número de teléfono 901 ou a través da internet como condición imprescindíbel para que as persoas usuarias sexan atendidas por un traballador ou traballadora de Facenda ou para realizar calquera tipo de xestión.
Pola outra banda, Olaia Fernández pon de manifesto que o servizo de atención 091 é realizado por unha subcontrata que traballa cunhas previsións pechadas de atención ás persoas usuarias. Por este motivo e dada a falta de información que padece a veciñanza, pode darse o caso de que o persoal que traballa na delegación de Facenda non estea atendendo a ninguén e, porén, non poida atender as persoas que non solicitaron cita previa.
Na iniciativa, a deputada do BNG solicita que se repoña o servizo tal e como se prestaba anteriormente e pregúntalle ao Goberno por que eliminou o servizo de atención persoal sen cita previa; por que non informou de maneira axeitada as persoas usuarias e se é consciente de que moitas persoas acoden por defecto ás delegacións de Facenda, sen cita previa, para realizar xestións e non poden ser atendidas. Tamén pregunta a nacionalista a que se debe que non se aumente o persoal da Axencia Tributaria para garantir unha correcta atención.
Malestar entre as praceiras e praceiros da praza de Lugo polo cambio na atención da tributación por módulos
Pola outra banda, o BNG faise eco do malestar provocado entre as persoas titulares de pequenos estabelecementos comerciais pola mudanza na xestión da tributación por módulos. Este malestar é palpábel, sobre todo, nas persoas con postos na praza de Lugo, que están a rexistrar queixas na delegación coruñesa de Facenda.
Dada a restruturación na Axencia Tributaria, en lugar de ir unha vez ao ano á delegación para preparar a declaración por módulos, as persoas que tributan baixo esta modalidade teñen que ir unha vez ao trimestre. Este cambio, protestan as persoas afectadas, supón unha perda de tempo e de cartos.