O BNG lanza un novo vídeo dentro da campaña #TodasAsCoruñas
A Coruña, 21 de febreiro de 2015- Como colofón ás visitas da caravana do BNG-Asembleas Abertas aos asentamentos precarios da Coruña As Rañas, O Campanario (O Portiño) e A Pasaxe-, vense de lanzar un novo vídeo que ten como única finalidade facer reflexionar sobre cales deberían ser realmente as prioridades na nosa cidade. Con este vídeo, gravado por el mesmo hai semanas mentres practicaba running, o cabeza de lista do BNG-Asembleas Abertas, Xosé Manuel Carril, quere demostrar que hai vida alén do Parrote e que hai persoas alén do Parrote que tamén teñen dereitos.
O vídeo, que pode visualizarse en www.todasascorunhas.gal e na canle de Youtube do BNG A Coruña, forma parte da campaña #TodasAsCoruñas, definida por Carril como a nosa carreira de fondo, que se fai pateando os contrastes e as diferenzas que se pretenden agochar coa metáfora da Cidade do Parrote-A Mariña, tan acomplexada por snob, tan excluínte e tan elitista.
Con esta peza audiovisual, de apenas un minuto de duración e concibida para ser distribuída nas redes sociais, o BNG-Asembleas Abertas conclúe as visitas polos asentamentos precarios (incluída a pernoctación na Pasaxe). A campaña #TodasAsCoruñas vén de abrir unha nova xeira de visitas aos núcleos rurais da cidade.