O BNG denuncia a perda de obxectividade nos criterios de valoración das axudas de Servizos Sociais
A Coruña, 20 de febreiro de 2015- O Grupo Municipal do BNG advirte de que a convocatoria específica da concesión de subvencións destinadas a actividades de interese social do Concello para entidades sen ánimo de lucro (exercicio 2015) perde obxectividade, pois os criterios para a valoración das solicitudes son máis discrecionais e menos concretos que en convocatorias anteriores. Así o denuncian as nacionalistas despois de ter acceso ao expediente relativo á autorización do gasto de 130.000 correspondentes a subvencións do exercicio 2015 destinadas a actividades de interese social e á aprobación da convocatoria pública destas subvencións, que contaron coa luz verde da Xunta de Goberno Local que tivo lugar na mañá de hoxe.
O Grupo Municipal do BNG sinala que en comparación coa convocatoria de 2014, o punto da tramitación e valoración das solicitudes da convocatoria de 2015 é moito máis vago e inconcreto, de maneira que se abre a porta á arbitrariedade. De feito, o interventor xeral do Concello emite unha observación ao respecto e sinala que a diferenza das convocatorias anteriores nas que se estabelecían criterios e subcriterios perfectamente definidos que, sen menoscabar discrecionalidade propia dos procesos de concorrencia competitiva, dotaban o proceso de valoración dun grao elevado de obxectividade, na seguinte convocatoria non se estabelecen subcriterios nos criterios estabelecidos nas letras a), b), c), d), e) e f) e ademais os criterios fixados non presentan a definición de convocatorias anteriores sendo máis xenéricos. Engade o interventor que esta circunstancia pode afectar ao grao de obxectividade na valoración das solicitudes presentadas neste proceso de concorrencia competitiva feito do que se fai a oportuna advertencia e salvidade.
Neste contexto, o Grupo Municipal do BNG expresa o seu temor a que o Goberno local poida dar e quitar axudas ao seu antollo, como aconteceu no caso da biblioteca veciñal de Monte Alto, á que deixou sen convenio sen importarlle que se puxese en risco a súa continuidade.