O BNG exíxelle ao Goberno local que interceda polos despedimentos no aparcadoiro de Alvedro
A Coruña, 15 de outubro de 2014- A concelleira do Grupo Municipal do BNG María Xosé Bravo reuniuse na mañá de hoxe con representantes dos traballadores do aparcadoiro de Aena en Alvedro, servizo que está subcontratado á empresa Empark, para lle trasladar ás nacionalistas a problemática laboral que sofren. A adxudicataria, explicaron, prevé suprimir catro postos e medio dos seis postos de traballo que hai na actualidade no aparcadoiro de Alvedro (pasaríase a contar, tan só, cun traballador a tempo completo e un a tempo parcial). De aí que desde o Grupo Municipal do BNG se lle exixa ao Goberno do Sr. Negreira para que interceda polos postos de traballo e se solidarice cos empregados.
O BNG expón que estes despedimentos, e o conseguinte deterioramento do servizo de aparcadoiro, son consecuencia directa da privatización de Aena e non responde nin sequera ás contas económicas da empresa, que foron aumentando nos últimos anos. Segundo os propios traballadores, que lle achegaron as cifras ao Bloque, no 2012 Empark pechou o ano con 921.881,75 euros de ingresos, en 2013, con 1.013.772,05 euros e até agosto de 2014 levaba ingresados xa 835.411,10 euros, co que se prevé que os ingresos aumenten respecto do pasado ano.
Incumprimento do prego de cláusulas
A concelleira nacionalista indica que os despedimentos previstos representan un incumprimento do prego de prescricións técnicas para a contratación do servizo de xestión integral dos aparcadoiros dos aeroportos de Aena, xa que na cláusula terceira, Cláusula de Medios Humanos, das Normas xerais se recolle que o adxudicatario comprométese a realizar o servizo, obxecto do prego, cos medios humanos e axeitados a tal fin e engádese que respecto ao persoal, o adxudicatario obrígase expresamente a realizar a súa actividade cun cadro de persoal axeitado para o rendemento óptimo e a calidade do servizo.
María Xosé Bravo, que exixe a paralización destes despedimentos, sinala que non se trata só dun problema laboral, xa que tamén está en xogo a calidade do servizo prestado, pois os traballadores serán substituídos por máquinas. Ademais, a concelleira nacionalista pide a implicación das persoas usuarias e chámaas á comprensión unha vez comecen os traballadores coas accións de protesta que teñen pensado levar a cabo para protestar polos despedimentos. A nacionalista tamén salienta que está en xogo a propia perda de cartos públicos tras os investimentos millonarios dos últimos anos.
Por último, a concelleira do BNG advirte de que, tal e como lle expuxeron os traballadores, os despedimentos no aparcadoiro de Alvedro veñen precedidos dun proceso de despedimentos que segue o seu curso no aparcadoiro do aeroporto de Bilbao e despois destes chegarían moitos máis. A este respecto, os traballadores sinaláronlle a Bravo que a adxudicataria leva 18 aparcadoiros en aeroportos do Estado español.