O BNG lamenta que o PP volva dilapidar cartos públicos na Laponia coruñesa
A Coruña, 27 de novembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG lamenta que o Partido Popular teime en dilapidar cartos públicos en converter a praza de María Pita nun poboado lapón que, segundo anunciou o Goberno do Sr. Negreira, este ano será de maior tamaño que o anterior. As nacionalistas consideran lamentábel que, mentres unha veciña da Coruña estaba a ser desafiuzada na rúa Antonio Noche, a Sra. Cid presumira nunha rolda de prensa da súa Laponia coruñesa con pozo de los deseos, palco de música en forma de trineo y figuritas de luz en 3D. Para o BNG actitudes como esta demostran que o Partido Popular despreza o conxunto do pobo e que vive na súa realidade paralela.
Nun contexto de destrución de postos de traballo na cidade, perto de 8.000 nos últimos meses, o Goberno do PP destinará 70.785 euros á construción da Laponia coruñesa, cartos aos que hai que engadirlles os derivados da contratación da animación, que o ano pasado ascendeu a 72.545 euros. O BNG considera un disparate gastar máis de 140.000 euros neste poboado lapón cando no último mes foron ao paro 300 persoas na nosa cidade. As nacionalistas poñen de manifesto que o gasto de 140.000 euros na Laponia coruñesa evidencia que o Goberno do PP carece de ideas para reactivar o pequeno e mediano comercio da cidade, un dos sectores máis afectados pola crise.