O BNG exixe unha solución urxente e definitiva para a casa modernista dos Castros
A Coruña, 6 de xullo de 2014- O Grupo Municipal do BNG anuncia a presentación dunha iniciativa para o vindeiro pleno ordinario de xullo en que lle exixirá ao Goberno do Sr. Negreira unha solución urxente e definitiva ao estado lamentábel que presenta a casa modernista da avenida de Oza, no barrio dos Castros. Así, a petición de veciños e veciñas, as nacionalistas pedirán en sede plenaria que o Concello garanta, de xeito inmediato, a execución da rehabilitación deste inmoble.
O Grupo Municipal do BNG, que accedeu en varias ocasións ao expediente do edificio modernista que obra no Concello da Coruña, pon de manifesto que se trata dunha crónica dunha morte anunciada. O decreto directivo de declaración de ruína de 28 de febreiro de 2012 recolle un informe pericial dun arquitecto municipal, con data de 12 de decembro de 2011 que conclúe que non existe ruína inminente, que non se trata dunha ruína física e que se trata dunha ruína económica, dado que o custo da obra excede a metade do custo de reposición. Esta declaración de ruína económica, que se basea só en datos económicos, non significa que os propietarios poidan deixar caer o edificio, todo o contrario. De feito, o Concello impúxolle unha sanción á empresa propietaria e envioulle apercibimentos que a construtora non acatou.
Un informe do arquitecto municipal di que a empresa segue contribuíndo a empeorar a situación
Despois das obras menores acometidas pola empresa (a propietaria é CINUR, que se atopa en concurso de acredores cuxa administradora concursal é AYSE LUCUS) en informe do arquitecto municipal do Servizo de Intervención de Edificación e Disciplina Urbanística, de 20 de xaneiro de 2014, afírmase que se pecharon algúns ocos no inmoble, pero admítese que se mantén a entrega de auga desde a cuberta e alértase da existencia de pombas, aves que están a deteriorar aínda máis o edificio. Ademais, este informe salienta que a empresa segue contribuíndo a empeorar a situación.
Por último, o Grupo Municipal do BNG faise eco da sospeita da Asociación Veciñal Oza-A Gaiteira-Os Castros, personada no caso como parte interesada, que advirte de que a empresa construtora pretende especular co terreo que o ocupa e que deixará, se o Concello non o impide, que o edificio se desplome.
En consonancia co reclamado pola entidade veciñal, o Grupo Municipal do BNG, que lembra que os inmobles protexidos, coma este, son de interese xeral e que, polo tanto, deben ser consolidados e rehabilitados, defende que se conserve integramente a fachada do edificio e mais os elementos estruturais básicos.