O BNG exixe melloras da circulación ciclista na cidade
A Coruña, 6 de agosto de 2014- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que as melloras na oferta do servizo de Bicicoruña anunciadas esta mañá polo Sr. Negreira de pouco van servir se non se implementan medidas para mellorar as condicións para a circulación ciclista na cidade. Amais de aumentar as estacións de Bicicoruña, as nacionalistas solicitan un incremento dos aparcadoiros para bibicletas. E é que a día de hoxe apenas hai ancoraxes para bicicletas nos puntos estratéxicos da cidade, como poden ser os centros de saúde ou os centros de ensino.
Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG considera necesaria unha mudanza na xestión do servizo de Bicicoruña. Lembran as nacionalistas que a liquidación de EMVSA e o seu orzamento para o ano 2014 reflicten que a empresa municipal ten un importante déficit de explotación motivado polos custes do mantemento de Bicicoruña.
O BNG reivindica o uso da bicicleta
O Grupo Municipal do BNG reivindica que o Concello promova unha mobilidade sustentábel que prime a propia bicicleta, de xeito que teña un papel central na mobilidade das persoas, como acontece en países coma Holanda, Dinamarca ou Alemaña, que, con condicións meteorolóxicas máis extremas que as nosas, acadan cifras de viaxes en bici que centuplican as da nosa cidade.
As nacionalistas destacan os beneficios ambientais da bicicleta -é, xunto a marcha a pé, o transporte ecolóxico por excelencia-, os beneficios urbanos -axuda a desconxestionar o tráfico da cidade-, os beneficios para a saúde, os beneficios sociais e os beneficios económicos. O BNG sinala que a bicicleta viabilidade como transporte cotián para a meirande parte do pobo, máxime en distancias menores de 10km, polo que é un medio potencial para a nosa cidade.