O BNG exixe que se cubran as vacantes do rexistro municipal
A Coruña, 1 novembro de 2014- O Grupo Municipal do BNG exixe a cobertura das vacantes que existen no rexistro municipal do Concello, dado que a apertura de novos rexistros sen a oportuna cobertura de persoal e as vacantes sen cubrir están a provocar saturación e desatención neste servizo. As nacionalistas responsabilizan o Goberno do Sr. Negreira desta situación, ao negarse a prover de persoal as prazas que ficaron desocupadas. Tamén critican que o Goberno municipal trasladara os traballadores e traballadoras dun rexistro a outro, desencadeando disfuncións, ao desvestir un santo para vestir outro.
Como consecuencia da falta de provisión destas prazas no rexistro de María Pita, só están dispoñíbeis para as persoas usuarias dous postos de información, xa que o outro foi anulado. De feito, nos últimos días, tan só había unha persoa atendendo ao público no posto de información, de maneira que cando esa persoa tiña que ausentarse, non quedaba ninguén atendendo as persoas usuarias, que teñen que soportar colas de espera innecesarias.
Pola outra banda, as nacionalistas advirten de que a falta de cobertura das prazas vacantes ocasiona tanto unha mala imaxe do Concello, que non presta de xeito acaído o servizo que debería prestar, e mais a molestia dos traballadoras e traballadoras que, sen ter culpa ningunha, soportan unha forte presión polas protestas que lles transmiten as persoas usuarias.