O BNG esixe unha solución aos fallos da tarxeta do bus metropolitano
A Coruña, 25 de setembro de 2013.- A concelleira do BNG Avia Veira vén de presentar unha iniciativa co fin de que o Goberno municipal emprace a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas a resolver os problemas derivados das tarxetas de transporte metropolitano defectuosas.
Persoas residentes na cidade usuarias do bus metropolitano puxeron en coñecemento das nacionalistas o deficiente funcionamento das tarxetas xestionadas por Novagalicia Banco. Denuncian que cando a tarxeta falla, feito que acontece en numerosas ocasións, a empresa de transportes inhíbese e a persoa usuaria vese na obriga de pagar a tarifa xenérica, sen poden beneficiarse do desconto ao que ten dereito. Así, unha usuaria do bus metropolitano que une A Coruña con Carral ten que aboar 2 euros (en lugar de 1,25 euros) cando a tarxeta falla.
Non sería a primeira vez que unha persoa accede ao bus coa tarxeta e sen cartos en efectivo e ten que quedar en terra ou ten que esperar a que outra persoa usuaria lle aboe o percorrido ao fallarlle a tarxeta, sinala Avia Veira.
As substitucións das tarxetas, 2 euros
Ademais, tal e como lle transmitiron ao BNG as persoas afectadas, cada vez que substitúen unha tarxeta defectuosa, a usuaria vese na obriga de pagar 2 euros pola nova. E isto malia que , tal e como reflicte a páxina web do Concello da Coruña, a substitución por deterioro técnico da tarxeta é de balde. Neste contexto, Avia Veira oponse a que se lles impute ás persoas usuarias, que ás veces teñen que cambiar até 4 veces ao ano a tarxeta, os fallos do sistema. A concelleira nacionalista tamén advirte de que o a transferencia do saldo dispoñíbel dunha tarxeta estropeada a unha nova tarxeta non é inmediata, senón que tarda días.
A concelleira do BNG rexistrou unha batería de preguntas para a resposta escrita para coñecer se o Goberno municipal é consciente da situación e para saber se vai adoptar medidas que eviten os pagos inxustos e inxustificados e se se vai poñer en contacto coa Consellaría responsábel co fin de que resolva o deficiente funcionamento das tarxetas.
Tal e como acontece coas tarxetas Millenium, cuxo mal funcionamento vimos denunciando, semella que o Goberno do Sr. Negreira non ten interese en frear este roubo e mais as molestias ocasionadas ás persoas usuarias, sinala a edila do BNG. Non podemos permitir que, ademais de soportarmos un transporte metropolitano caro, incómodo e nada áxil, teñamos que pagar polos fallos técnicos do sistema, conclúe a nacionalista.