O BNG denuncia que o PP desatende e despreza a veciñanza de Palavea

O BNG denuncia que o PP desatende e despreza a veciñanza de Palavea

ConcelloA Coruña, 8 de novembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG vén de presentar unha iniciativa en que denuncia a falta de resposta do Goberno do PP aos escritos rexistrados por parte da veciñanza de Palavea. Na iniciativa, a concelleira Avia Veira explica que un grupo de veciñas presentou a 10.10.2013 a través do rexistro xeral do Concello unha solicitude para o uso dun local no mercado de Palavea coa finalizadade de poder empregalo para unha reunión veciñal. Porén, malia precisar este espazo para un día concreto, o Goberno do PP non lles respondeu. O mesmo aconteceu coa solicitude presentada no mesmo sentido a 28.10.2013.

Ademais, o 07.10.2013, o mesmo grupo de veciñas solicitou, tamén por rexistro, unha entrevista co edil de Urbanismo, para falar sobre as obras de urbanización da contorna de Palavea e para lle formular as demandas e necesidades reais do barrio. Un mes despois, o Goberno do PP non contestou a petición de reunión. En relación con estas obras, o BNG defende que o Goberno do PP escoite e conte co conxunto da veciñanza de Palavea, que ten que recorrer aos medios de comunicación ter información sobre estas actuacións.

Neste contexto, Avia Veira presentou unha serie de preguntas para que o Goberno do Sr. Negreira responda se é este o xeito que ten o PP de fomentar a participación cidadá e para coñecer os motivos que levan o Goberno municipal a non contestar ás solicitudes da veciñanza para o uso do local. Tamén pregunta a concelleira nacionalista se o PP ten pensado responder á solicitude de reunión das veciñas de Palavea antes de que comecen as obras no barrio.

 

O BNG denuncia que o PP desatende e despreza a veciñanza de Palavea