O BNG-Asembleas Abertas inclúe no programa as máis de 40 propostas d@s veciñ@s de San Pedro de Visma
A Coruña, 20 de febreiro de 2015- A caravana de #TodasAsCoruñas comezou en San Pedro de Visma unha segunda xeira de visitas que terá como protagonistas os núcleos rurais da cidade, de onde o BNG-Asembleas Abertas recollerá as prospostas da veciñanza. Así, o BNG-Asembleas Abertas anuncia que incluirá no seu programa electoral as máis de 40 propostas de actuación que lle presentou a veciñanza de San Pedro de Visma.
De entre as máis de 40 propostas recollidas na caravana dos barrios de #TodasAsCoruñas, o cabeza de lista do BNG-Asembleas Abertas, Xosé Manuel Carril, destaca que se inclúe a necesidade de conectar o barrio coas principais puntos de comunicación da cidade, nomeadamente, coa terceira rolda, de modo que se habiliten accesos de entrada ou saída ao barrio paralelos á terceira rolda con orixe e final na rotonda do pavo real. Os veciños e veciñas tamén piden enlazar o núcleo de Visma coa terceira rolda na rotonda que agora mesmo está morta.
Entre as propostas, o tamén portavoz do Grupo Municipal do BNG dá conta da petición da veciñanza de mellorar os viarios, beirarrúas e dotación de alumeado público e de sumidoiros. Precisamente, a instalación de sumidoiros e de pluviais foi unha das demandas máis repetidas polos veciños e veciñas que habitan en Cal de Moreiras.
Outras das actuacións propostas pola veciñanza a Carril ten a ver co transporte público, dado que, tal e como advirte o candidato do BNG-Asembleas Abertas, a Compañía de Tranvías tan só estabeleceu unha liña no barrio, a 3, coa variante 3-A. Así, os veciños e veciñas piden unir San Pedro de Visma a través do autobús cos principais servizos da cidade, sinaladamente, as estacións de bus e do tren ou cos hospitais, alén de conectar o barrio co Portiño.
Carril sinala ademais a petición veciñal de políticas de posta en valor e uso das terras que non se traballan. Así, o BNG-Asembleas Abertas recollerá no programa que o Concello se dirixa ás persoas propietarias das fincas que non están cultivadas entre Os Mariñeiros, o Ágora e o CEIP San Pedro de Visma para que se poidan ceder temporalmente e de xeito gratuíto para hortas urbanas, de maneira que se poñan en valor estes terreos e o barrio.
O número 1 do BNG-Asembleas Abertas á Alcaldía tamén salienta a necesidade de potenciar o centro veciñal de San Pedro de Visma, mediante a dotación de novos servizos e de novas actividades.
A canalización soterrada de redes eléctricas e telefónicas, a recuperación das fontes do lugar, a reordenación do rueiro do barrio, a recuperación da toponimia do parque de Bens e do parque Adolfo Suárez cos nomes tradicionais da zona e a creación de carreiros verdes foron outras das máis de 40 propostas achegadas pola veciñanza ao BNG-Asembleas Abertas, que aproveitou que a caravana dos barrios recalou en Visma para ter un encontro, máis unha vez, coa directiva da asociación de veciños e veciñas Loureiro de Visma.