O BNG denuncia que o custo do Circo do Sol para as arcas do Concello superou os 200.000 euros
A Coruña, 7 de febreiro de 2014.- A concelleira do BNG María Xosé Bravo denuncia o excesivo gasto para as arcas municipais do espectáculo do Circo do Sol, máis de 200.000 euros, logo de ter acceso ao seu expediente. Un espectáculo, sinala a nacionalista, con entradas non asequíbeis para todas as economías, que en nada concorda coa situación de crise que está a vivir a cidadanía.
En total, sinala a concelleira, houbo dez funcións, 48.978 entradas vendidas, 2.385.924 euros recadados, con prezos nas sesións estándar de 37 a 74 euros e nas sesións premium de 40'50 a 77'50 euros e cun custo inicial para o concello de 242.000, distribuídas do seguinte xeito:
Caché: 90.750
Servizos complementarios: 52.808
Acomodación: 17.533
Escurecemento: 20.872
Varios (catering, transp, ...): 2.916
Seguridade: 20.075
Aluguer climatizadores: 21.174
Varios (carpa, paneis, ..): 14.725
Lonas: 436
Sinalética exterior: 711
María Xosé Bravo salienta que logo de realizada a contabilidade pola venda de entradas o IMCE cobraría a maior destas cantidades:
- 25.000 euros + ive
- 2% da recadación neta (logo de descontado IVE e pago a Sgae) de 7 función.
Toda vez que ese 2% de recadación era menor, o concello recibiu 25.000 euros máis ive, polo que o custe final para as arcas do concello foron de 211.750 euros.
Despois de saber que a cabalgata de reis ascendeu este ano a 365.000 euros e que o custo global do Nadal superou a barreira do millón de euros, estes case 212.000 euros nunha actividade de pago para as familias é a todas luces unha cantidade excesiva. O BNG vén denunciando o excesivo gasto en festas do goberno do municipal que responde á política de pouco pan e moito circo do PP na cidade da Coruña, que non tivo reparos en gastar máis de 2 millóns nas festas de María Pita.