O BNG denuncia o acoso do Goberno do PP as persoas que organizan o mercado de troco en Monte Alto
A Coruña, 30 de xuño de 2014- O Grupo Municipal do BNG vén de presentar unha iniciativa en que denuncia o acoso do Goberno do Sr. Negreira ás persoas que organizan o mercado de troco de Monte Alto, despois de que o sábado pasado, 28 de xuño, a policía local ordenara levantalo en dúas ocasións, e baixo a advertencia de confiscación e sancións. As nacionalistas expresan na iniciativa que o mercado de troco, que organiza un grupo de persoas unha vez ao mes, ten lugar nun espazo do Campo de Marte onde nin se interfire con ningunha outra actividade nin se dificulta o paso da xente.
O Grupo Municipal do BNG explica que, despois da advertencia da policía local no Campo de Marte, o mercado de troco foi acollido no seo dos actos convocados polo colectivo LGBT no Campo da Leña como unha actividade máis dentro da programación. Porén, malia contar a festa LGBT con permiso das autoridades, a policía local volveu levantar o mercado. Unha vez recollido todo e cando os participantes marchaban, sinalan as nacionalistas, algunhas persoas mesmo foron identificadas por membros da policía local ao pé dos seus vehículos.
Neste contexto, a través dunhas preguntas escritas o Bloque interésase polos motivos que levan ao Goberno local do PP a enviar a policía para levantar este mercado de troco. Ademais, pregunta por que se obrigou levantar o mercado de troco dentro das actividades do colectivo LGBT cando este colectivo contaba con permiso para desenvolver os actos no Campo da Leña. E por último, o BNG tamén se interesa pola actitude de acoso ás persoas organizadoras dunha iniciativa que tenta promover valores cívicos e que non ten como finalidade o negocio, senón compartir e reutilizar obxectos mediante o intercambio.