O BNG critica que o Goberno municipal non fixera nin unha soa nova iniciativa no eido xuvenil
A Coruña, 20 de febreiro de 2013.- Ao Grupo Municipal do BNG sorpréndelle que o Goberno do Sr. Negreira anunciara hoxe a candidatura da Coruña para ser a Capital Europea da Mocidade en 2016, cando desde que o Goberno municipal se desentende das persoas mozas da Coruña. E é que desde que o PP accedeu ao Goberno municipal non houbo nin unha soa nova iniciativa en materia de xuventude. As nacionalistas lembran que o único que leva feito o concelleiro de Mocidade foi cambiarlle o nome ao programa Noitenova e anunciar esta mañá que A Coruña aspirará a obter esta distinción.
O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que o recorte nos orzamentos municipais en materia de mocidade non casa co desenvolvemento dunha política xuvenil aberta inclusiva da que presume o Goberno do Sr. Negreira. O BNG cuestiona que o Sr. Mourelo aluda á iniciativa de resolver os problemas da mocidade cando as políticas adoptadas polo PP teñen como consecuencia que unha de cada dúas persoas menores de 25 anos estea no desemprego. Chama a atención que o Goberno municipal fale nestes termos cando á xeración máis formada da historia de Galiza lle resulta imposíbel atopar traballo e vese abocada á emigración.
Por último, ao Grupo Municipal do BNG resúltalle curioso que sexa Fexuga quen avale esta candidatura, xa que se trata dunha federación completamente descoñecida na cidade. Precisamente, á vista dos datos publicados na web deste organismo, non hai ningunha entidade da Coruña que forme parte desta federación. O BNG lamenta que o Goberno municipal conte con Fexuga cando non conta con ningunha das entidades xuvenís radicadas na Coruña á hora de presentar a candidatura da cidade a esta distinción.