O PP leva A Coruña cara ao abismo: xaneiro deixa 40 parad@s ao día
A Coruña, 4 de febreiro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG advirte de que o PP está a levar a cidade da Coruña cara o abismo, á vista dos últimos datos do desemprego. No mes de xaneiro, 40 persoas foron ao paro cada día só na nosa cidade, que conta con 24.509 parados e paradas, 1.197 persoas máis que en decembro. As nacionalistas alertan de que as cifras se están a disparar mes a mes e poñen de manifesto a maior incidencia do desemprego nas mulleres.
Segundo os datos de xaneiro, A Coruña conta con 12.712 mulleres no paro, 11.797 homes, unhas cifras que demostran, outravolta, que a crise ten rostro de muller. De aí que o Grupo Municipal do BNG insista na importancia da igualdade como política transversal e denuncie que lonxe de promover medidas de xénero o PP continúe a desmantelar os avances conquiridos.
O Grupo Municipal do BNG sinala que os alarmantes datos do paro son consecuencia directa das políticas do PP, da súa destrución dos sectores produtivos, da suba do IVE, das rebaixas dos salarios e da falta de crédito; é dicir, das medidas de asfixia social que agravan día a día o problema das 24.509 persoas que se atopan no desemprego na cidade da Coruña. Mes a mes, demóstrase que as reformas laborais, primeiro do PSOE e despois do PP, lonxe de crear emprego destrúen postos de traballo e precarizan o pouco emprego que queda.
Cada vez que o BNG coñece os datos do paro, esíxelle ao Goberno municipal que actúe. Porén, o Sr. Negreira e os seus concelleiros seguen de brazos cruzados perante ao maior drama que padece o pobo. De cacarexar durante meses sobre o suposto plan estratéxico que ía aplicar na Coruña cando for alcalde, a eludilo. Nin o Sr. Negreira nin os seus concelleiros mencionan xa aquela Axencia Coruña 15 polo emprego nin o plan de medidas urxentes. O Grupo Municipal do BNG pídelle ao Goberno municipal responsabilidade e que reaccione dunha vez.