O BNG-Asembleas Abertas reivindica o dereito á vivenda digna e á Coruña libre de despexos
A Coruña, 21 de maio de 2015.- A candidata número 2 do BNG-Asembleas Abertas, María Xosé Bravo, anunciou esta mañá as propostas das nacionalistas para acadar o dereito a termos unha vivenda digna e unha Coruña libre de despexos.
Bravo salientou entre as actuacións en materia de vivenda que acometerá o BNG-Asembleas Abertas a promoción por parte de EMVSA de vivenda pública e de vivenda en réxime de aluguer; o aumento e mellora do parque de vivendas municipais dirixido principalmente a colectivos en dificultades sociais ou vulnerábeis e a creación dun banco público de vivendas baleiras xestionado por EMVSA, tanto de propiedade de particulares como do concello, para a súa oferta en réxime de aluguer asequíbel.
Ademais, sobre os desafiuzamentos, María Xosé Bravo puxo de manifesto que o BNG-Asembleas Abertas fará que o Concello da Coruña se comprometa a non despexar das súas vivendas ningunha familia que non poida pagar o aluguer e a ter moi en conta na execución do seu planeamento urbanístico que ninguén quede na rúa. O Concello non colaborará no despexo de persoas das vivendas que constitúen a súa residencial habitual e permanente e exixirémoslles ás entidades bancarias da paralización dos despexos que estean en marcha. No suposto de falta de colaboración de entidades bancarias prescindiremos, na medida que sexa posíbel e non lle prexudique á veciñanza, dos servizos que estas entidades poidan emprestarlle ao Concello, sinalou.
Tamén para evitar os desafiuzamentos, a número 2 do BNG-Asembleas Abertas anunciou a creación dunha Comisión especial para atender casos de desafiuzamentos por impago de hipotecas ou alugueiros, composta por persoal municipal, portavoces municipais e plataformas contra os desafiuzamentos, contemplando axudas ao aluguer, axudas para evitar o corte de subministros básicos como auga, gas ou luz e axudas á alimentación e evitando, no caso de execución xudiciais, que as persoas desaloxadas quedan sen lugar para vivir a través dun plano municipal de realoxo.
Entre outras das moitas medidas que desenvolverá a formación encabezada por Xosé Manuel Carril, Bravo subliñou a exención do pagamento do Imposto de Bens Inmóbeis (IBI) ás persoas alugadas en vivendas do Concello. E é que, até o de agora, o Concello estaba a cobrarlles o IBI, un imposto á propiedade, ás persoas con alugueiros municipais, que, ademais, contan con recursos moi limitados.