O BNG-Asembleas Abertas recolle as propostas da Coordinadora Galega de ONGD para o programa
A Coruña, 21 de marzo de 2015- Representantes da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento reuníronse coa número dous da candidatura do BNG-Asembleas Abertas, María Xosé Bravo, para proporlle unha serie de medidas destinadas a combater a pobreza e a promover o consumo xusto e responsábel, medidas que serán incluídas no programa electoral das nacionalistas.
En concreto, María Xosé Bravo e os representantes das ONGD traballaron sobre propostas sobre cooperación para o desenvolvemento. A este respecto, Bravo sinala que o BNG-Asembleas Abertas recollerá no programa garantir a dotación orzamentaria suficiente para o desenvolvemento das políticas municipais de cooperación ao desenvolvemento.
Desta maneira, o BNG-Asembleas Abertas incrementará as dotacións actuais até chegar a unha dedicación mínima dun 0,2% dos orzamentos xerais consolidados nos vindeiros catro anos. Así, comunicáronlle á número dous do BNG-Asembleas Abertas, poderase conseguir un crecemento gradual de cara o obxectivo do 0,7%. Estes cartos municipais destinaríanse por unha banda ao Fondo Galego de Cooperación e, pola outra banda, a convocatorias abertas en concorrencia competitiva para a posta en marcha de proxectos de cooperación ao desenvolvemento e de educación para o desenvolvemento.
Entre outros asuntos, María Xosé Bravo anuncia que o programa electoral do BNG-Asembleas Abertas recollerá a necesidade de promover o comercio xusto e o consumo responsábel entre a cidadanía e no propio Concello, con campañas de sensibilización para ofertar estes produtos nas instalacións públicas dependentes do Concello da Coruña e tamén a través da compra pública ética.
Ademais, os representantes da ONGD e Bravo coincidiron na necesidade de incrementar a colaboración para a construción dun modelo de cooperación ao desenvolvemento de calidade e transformador, que fomente a erradicación da pobreza nun marco de desenvolvemento sostíbel e de promoción dos dereitos humanos e que propugne a eliminación de calquera tipo de discriminación, ao tempo que promova a igualdade.