O BNG-Asembleas Abertas recolle do Castrillón a necesidade de axilizar os polígonos de vivendas
A Coruña, 20 de marzo de 2015- A caravana de #TodasAsCoruñas vén de recalar no Castrillón, barrio no que os membros da candidatura do BNG-Asembleas Abertas, encabezada por Xosé Manuel Carril, recolleron as propostas de mellora suxeridas pola veciñanza. Entre as peticións máis repetidas atópase a axilización da tramitación dos seis polígonos de vivendas pendentes de finalizar. Trátase dunha reclamación na que fixeron fincapé os membros da directiva da Asociación Veciñal do Castrillón IAR, que mantiveron unha xuntanza con Carril e con outros candidatos e candidatas.
Así, os veciños e veciñas insistiron na necesidade de que se lle requira á Xunta de Compensación que urbanice o polígono API R29 (Bergondo-C. Eirís-Oleoduto) e que destine unha parcela de 9.000m2 a unha residencia para maiores. Piden, ademais, a construción dunha praza detrás da urbanización na rúa Fariña Ferreño. Na mesma liña, demandan que se aprobe o proxecto de urbanización do polígono API 128 (Parque de Oza) e que se urxa a Xunta de Compensación do polígono a que urbanice e inclúa a zona verde de 6.000m2 que ficará entre as rúas Antonio Ríos e a avenida dos Caídos.
Acondicionamento de rúas
Outras das propostas que incluirá o BNG-Asembleas Abertas no programa pasa pola urbanización definitiva da rúa Vicente Alexandre/Antonio Noche e a urbanización desta última até o límite do polígono. Tamén recolle o Bloque a execución da parte do viario da rúa Oleoduto entre a avenida Casanova de Eirís e a estrada da Pasaxe, así como o desenvolvemento de sendas verdes que conecten o parque de Eirís co de Oza.
Entre as propostas máis repetidas pola veciñanza atópase a mellora do servizo de autobús urbano, para o que pide máis liñas e mellorar as frecuencias. Ademais de medidas en materia de accesibilidade, nomeadamente nas zonas do barrio con maior condicionamento orográfico, o BNG-Asembleas Abertas incorporará no programa a habilitación de espazos para que se resolvan os problemas de aparcadoiro que sofre a veciñanza do Castrillón.