O BNG aposta pola creación da área metropolitana da Coruña
A Coruña, 30 de outubro de 2013.- O BNG da comarca da Coruña pon de manifesto que sempre apostou por unha actuación conxunta de todos os Concellos da comarca en clave metropolitana, co fin de que A Coruña se erixa como motor do noso país. Como paso previo á creación da área metropolitana da Coruña, o BNG volve reivindicar a inclusión da Coruña no Consorcio das Mariñas.
Fronte aos localismos, as nacionalistas salientan que a crise reafirma a necesidade dunha actuación solidaria e conxunta dos concellos co fin de poñer en común os recursos públicos e de optimizar investimentos. Esta actuación é fundamental, apuntan, nun momento en que os Concellos están a sufrir recortes e cando asumen competencias que lle son impropias.
Cando estaba na oposición, o PP era partidario da inclusión da Coruña no Consorcio das Mariñas e agora, no Goberno municipal, oponse
Pola outra banda, o BNG da comarca da Coruña advirte dos cambios electoralistas de criterio do Partido Popular respecto da inclusión da Coruña no Consorcio das Mariñas. Lembran as nacionalistas que cando o PP estaba na oposición, o partido do Sr. Negreira defendía a integración no Consorcio das Mariñas, unha postura radicalmente oposta á que defende a día de hoxe.
No Pleno ordinario da Corporación Municipal da Coruña de novembro de 2010, estando na oposición, o PP presentou unha moción para a integración da cidade no Consorcio das Mariñas, opción que agora rexeita. Precisamente, o BNG levou Pleno ordinario de marzo de 2012 unha pregunta oral co fin de coñecer se o Sr. Alcalde ía solicitar a integración do Concello da Coruña no Consorcio das Mariñas. O PP evitou responder e refuxiouse en impresións. Máis de ano e medio despois, A Coruña segue sen formar parte do Consorcio das Mariñas.