O BNG insiste en acceder á planta de Nostián e en consultar as auditorías, dado que non se recicla
A Coruña, 22 de agosto de 2013.- O Grupo Municipal do BNG reuniuse esta mañá, xunto aos demais grupos con representación na Corporación, co Comité de Empresa de Albada, ao que as concelleiras María Xosé Bravo e Avia Veira lle transmitiron o apoio total do BNG á folga indefinida e á manifestación que terá lugar o vindeiro martes, con saída ás 12h da Praza de Pontevedra.
En declaracións aos medios, María Xosé Bravo volveu esixirlle ao Goberno municipal o acceso á planta de Nostián, que as nacionalistas solicitaran hai xa dous anos sen que o alcalde llo permitira, e mais a consulta das auditorías medio ambiental e económica de Albada, que o Goberno municipal tampouco lles permite consultar. É fundamental ter acceso a esta información cando vimos de saber que na planta de Nostián só se recicla o 5% e que Albada lle cobra ao Concello como se o servizo de tratamento de residuos se estivese a dar con normalidade, sinalou. É inadmisíbel que a cidadanía estea a pagar unha taxa por un servizo que non se está a prestar, engadiu.
Fixo alusión a nacionalista aos grandes beneficios de Albada por conta desta estafa social á cidadanía e por conta de recortar os dereitos dos traballadores. Só no primeiro trimestre de 2013, a empresa rexistrou 100.000 euros máis de ganancias polo canon do lixo respecto do ano pasado, afirmou. Lembrou que o grupo ao que pertence, Urbaser, de Florentino Pérez, acadou máis de 146 millóns de euros en beneficios no 2011. Albada só pensa no negocio, por iso en ano e medio reduciu o cadro de persoal da planta de Nostián nun 20%, salientou a nacionalista, quen puxo de manifesto que son as empresas que se lucraron co ladrillo as que queren agora lucrarse dos servizos públicos.
María Xosé Bravo acusa o Goberno municipal de deixación de funcións
Ademais, a concelleira do BNG acusou o Goberno do Sr. Negreira de facer deixación de funcións e de ser cómplice de Albada, o Concello, como cliente, ten uns dereitos e ten que esixir que se recicle e que o lixo non acabe nos vertedoiros. O Goberno municipal debe opoñerse tanto á destrución de emprego e ao desmantelamento de dereitos laborais que pretende Albada como á fraude da reciclaxe e ten que velar por unha correcta prestación do servizo, sinalou a nacionalista, que lamenta a postura submisa do alcalde á empresa que forma parte de Urbaser.
En relación ás declaracións do Goberno do Sr. Negreira, en que comparaba a concesionaria dun servizo municipal cunha panadaría, o Grupo Municipal do BNG insta o Sr. Flores, quen dixo que cambia de panadaría se non lle dan o pan, a aplicar as súas propias palabras e a cambiar de empresa concesionaria do servizo municipal de tratamento de residuos urbanos.