O BNG amosará no Congreso o seu rexeitamento ao decreto lei da liberalización de horarios comerciais
A Coruña, 9 de xullo de 2014.- O Bloque Nacionalista Galego mostrará mañá no Congreso dos Deputados o seu rexeitamento ao salvaxe Real Decreto-lei 8/2014 de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia, de enorme impacto negativo na cidade da Coruña, especialmente pola súa inclusión na barra libre dos horarios comerciais, que tanto prexudica ao pequeno e mediano comercio e que tanto beneficia as franquicias e ao grande comercio.
No trámite parlamentar de convalidación do Real Decreto-lei que se debaterá mañá no Congreso dos Deputados, a portavoz do BNG solicitará a súa derrogación para evitar, entre outras moitas cousas, a barra libre dos horarios comerciais na cidade da Coruña que abocaría ao pequeno e mediano comercio á súa desaparición ao non poder contar con medios para poder operar en tales condicións e á precarización das condicións de traballo das persoas que traballen nas zonas con liberdade de horario.
Na súa intervención, ademais, Davila mostrará o rexeitamento do BNG a este Real Decreto-lei por todas as medidas liberalizadoras (comercio, portos, aeroportos, emprego, rexistro civil), que implican máis privatización, menos intervención dos poderes públicos e máis España pola centralización que supón este salvaxe Real Decreto-lei.
A sesión plenaria dará comezo ás 9 horas e poderá seguirse en directo en www.congreso.es