O BNG advírtelle ao Sr. Negreira da obriga legal de modificar o PXOM en Catro Camiños
A Coruña, 8 de agosto de 2014.- O Grupo Municipal do BNG diríxelle un escrito con data de hoxe ao sr. Alcalde advertíndolle da obriga legal de tramitar unha modificación puntual do PXOM da Coruña para amparar legalmente o equipamento dotacional previsto na praza de Catro Camiños, indicándolle ademais, que de non proceder á modificación do PXOM neste sentido, esta actuación sería ilegal por ser contraria ao planeamento urbanístico actualmente vixente.
Neste sentido, as nacionalistas lémbranlle o que di o PXOM aprobado polo Goberno Local. En primeiro lugar, que o solo onde se quere construír este centro está considerado como zona verde no PXOM (zona verde pública EL(Pb)). E en segundo lugar, que o 5.2.6.2 do PXOM (clase dotacional de espazos libres) non ampara o edificio de equipamento previsto, por moito que o Goberno Local pretenda cualificalo fraudulentamente de quiosco.
Rematan o seu escrito indicándolle ao alcalde que debe modificarse o PXOM, e non pode empregarse o art. 47.4 da LOUG (cambio de uso dotacional) porque dito artigo só é de aplicación cando se modifica o uso dun equipamento, mais non cando, como é esta situación, o que se modifica é de EL (espazo libre) a equipamento.