O BNG advirte de que a remediación dos terreos de Repsol é ilegal e só beneficia a petroleira

O BNG advirte de que a remediación dos terreos de Repsol é ilegal e só beneficia a petroleira

A Coruña, 30 de outubro de 2013. A xuízo do BNG, a remediación (ou descontaminación) dos terreos liberados no porto interior, en caso de ocupación, que figura no convenio asinado pola Autoridade Portuaria e Repsol é ilegal e só pretende beneficiar economicamente a Repsol, na medida en que a citada remediación debería facerse conforme ao planeamento urbanístico e a lexislación medioambiental actualmente vixentes.

Aínda que polo convenio se indique que a remedación do terreo liberado no porto interior corra por conta de Repsol no caso de que se decida dar uso aos terreos que deixe libres Repsol, o certo é que Repsol non vai remediar os terreos para os usos urbanísticos que veñen na nova ordenación urbanística do PXOM 2013 (na súa Ficha PET R26, cuxo ámbito está incluido na zona de ordenación do Plan de Ordenación do Litoral de Galiza, debendo adaptarse as determinacións do seu artigo 61, sobre normas xerais para o desenvolvemento dos solos), que son principalmente usos residenciais. Repsol só vai remediar os terreos para usos exclusivamente industriais, que son os previstos na ordenación do PXOM 1998, concretamente de solo industrial, grado 2, que é o correspondente á Grela-Bens, cuxas condicións medioambientais para este uso aparecen nos seus artigos. 7.2.9.12 e 7.2.9.13, que están elaborados tendo en conta a normativa medioambiental vixente naquel momento.

De modo que isto supón un bo negocio para Repsol, que pagará moitos menos pola remediación (ou descontaminación) dos terreos, dado uso industrial dos mesmos conforme ao PXOM 98. Actuación que é máis barata que a remediación (ou descontaminación) para usos urbanos e residenciais do PXOM 2013, porque as condicións do PXOM 2013 supoñen a aplicación dunha normativa medioambiental distinta e moito máis esixente.

Alén de se tratar dunha actuación beneficiosa economicamente para Repsol, é tamén unha actuación en virtude dun convenio que é ilegal neste punto, porque a remediación (ou descontaminación) debe facerse sempre en relación co planeamento e a lexislación medioambiental vixentes.

O BNG advirte de que a remediación dos terreos de Repsol é ilegal e só beneficia a petroleira