O BNG adhírese á marcha antitaurina do 5 de outubro e anima o pobo a sumarse á mobilización

O BNG adhírese á marcha antitaurina do 5 de outubro e anima o pobo a sumarse á mobilización

Fotos touradas 2A Coruña, 26 de setembro de 2014- O Grupo Municipal do BNG comunicou esta mañá en rolda de prensa a súa adhesión á manifestación antitaurina promovida por Galiza Mellor sen Touradas para o domingo 5 de outubro ás 12h con saída do Obelisco, coincidindo coa feira taurina organizada polo Goberno do Sr. Negreira con motivo das festas do Rosario. A concelleira nacionalista María Xosé Bravo expresou que “o BNG tense manifestado en multitude de ocasións contra as touradas, porque non é unha actividade cultural nin festiva, senón unha actividade bárbara na que se maltrata até a morte un animal”.

María Xosé Bravo denunciou a “obstinación” do Partido Popular por manter as touradas na Coruña malia suscitaren un rexeitamento moi maioritario. Citou o inquérito que sinala que máis do 80% dos coruñeses e coruñesas están en contra deste gasto público que se aproxima aos 100.000 euros. A edila nacionalista propuxo que eses cartos que o Goberno do PP destina á feira taurina sexan destinados á compra de libros de texto para aquel alumnado de ensino postobrigatorio e para atender ese 40% de persoas que o Goberno do PP deixou fóra das bolsas do comedor.

tourosNa mesma liña, a concelleira do BNG sinalou que non existe xustificación ningunha para que ningunha Administración pública apoie ben directa ou indirectamente as touradas e aludiu ao caso catalán, cuxo pobo foi quen de prohibir as touradas. “En Galiza hai un consenso social igual de maioritario que o de Catalunya”, salientou, “só se precisa que haxa consenso político para declarar Galiza territorio libre da barbarie e do maltrato aos animais”.

“O Goberno do Sr. Negreira rescata unha feira taurina no canto de rescatar as persoas desfavorecidas”

Pola súa banda, o presidente de Galiza Mellor sen Touradas, Rubén Pérez, referiuse á teima do Goberno do Sr. Negreira en organizar a feira taurina. E é que, despois de ficar deserto o concurso de agosto, o Goberno municipal empeñouse en facilitar a adxudicación da feira taurina e rebaixou un 60% o canon a pagar pola empresa dos 2.500 euros que exixía no primeiro concurso a 1.000 euros. Neste contexto, o presidente da plataforma antitaurina criticou que “o Goberno rescata unha feira taurina e rescata o maltrato animal en vez de rescatar aquelas persoas que están en risco de exclusión social, aqueles estudantes que quedaron sen bolsa e aquelas familias con persoas dependentes ás que lles rebaixaron as prestacións”.

Rubén Pérez, que fixo un chamamento público a que o pobo se sume á manifestación antitaurina, denunciou que o empresario adxudicatario das touradas anunciou os carteis antes de que se adxudicara a actividade e tamén reprobou que a feira taurina fora adxudicada a unha unión temporal de empresas que forman parte deste mesmo empresario. Sinalou que esta persoa aparece como administrador único dunha das empresas desde este mes de setembro. “Estas son as tácticas que practica a tauromafia para rebaixar o balance negativo dos resultados e para seguir comendo subsidios do erario público”, concluíu.

 

O BNG adhírese á marcha antitaurina do 5 de outubro e anima o pobo a sumarse á mobilización