O BNG acusa a Negreira de facer oídos xordos á preocupación da veciñanza sobre as descargas no porto

O BNG acusa a Negreira de facer oídos xordos á preocupación da veciñanza sobre as descargas no porto

Unha descarga de carbón recente

A Coruña, 23 de setembro de 2014- O Grupo Municipal do BNG critica a permisividade do Goberno do Sr. Negreira respecto das descargas de graneis no porto interior da Coruña e acúsao de facer “oídos xordos” ás preocupacións e reivindicacións da veciñanza dos Castros. As nacionalistas consideran inaceptábel que o Goberno municipal responda día si día non que se trata de descargas a ceo aberto puntuais e que non adopte ningunha medida para impedir as graves incidencias que provocan.

As nacionalistas exíxenlle ao alcalde que mire pola saúde e polo benestar dos e das habitantes da zona, que padecen afeccións respiratorias derivadas das descargas e o forte cheiro que desprenden os cereais. Así, emprazan o alcalde a adoptar algunha medida para evitar esta situación que se repite de xeito frecuente. Nesta liña, o Bloque avoga por que as descargas de graneis se realicen en circuítos pechados sempre e cando sexa posíbel.

O BNG, a través da súa representante en Europa, Ana Miranda, vai levar a Bruxelas as reiteradas denuncias da asociación veciñal Oza-Gaiteira-Os Castros co fin de exixir medidas que garantan a calidade do aire.

 

O BNG acusa a Negreira de facer oídos xordos á preocupación da veciñanza sobre as descargas no porto