Avia Veira: "O escasísimo traballo que existe é precario, temporal e mal remunerado"
A Coruña, 3 de xuño de 2014- Sobre as últimas cifras do paro, correspondentes ao mes de maio e que sinalan unha baixada de 362 persoas na cidade da Coruña, a concelleira do BNG Avia Veira pon de manifesto que as cifras revelan que hai menos desempregados e desempregadas na cidade mais o que non revelan é que a xente que atopa traballo non é quen de saír das situacións de pobreza, xa que o escaso traballo que se crea é precario, temporal e mal remunerado.
A edila nacionalista denuncia a actitude insensíbel do PP á situación social que está a vivir o pobo e acusa o partido do Sr. Negreira de lanzar unha falsa mensaxe de recuperación económica, cando o emprego que apenas se crea é precario e temporal, con fortes recortes de dereitos laborais, insistiu.
O paro segue a ter rostro de muller
Avia Veira salientou que o paro segue a ter rostro de muller. E é que hai máis de mil mulleres máis no desemprego que no mes anterior. Así, mentres existen 10.700 homes no paro na cidade da Coruña hai 11.969 mulleres en desemprego.
Por último, a concelleira do BNG acusou o Goberno do Sr. Negreira de estar máis preocupado por furar a cidade e por apostar pola especulación do formigón que polo benestar social e polos nosos sectores produtivos, capaces de impulsar emprego digno e de calidade.