Os accesos dos campos de fútbol de San Pedro de Visma beneficiarán a Federación Galega de Fútbol
A Coruña, 29 de xullo de 2014- O Grupo Municipal do BNG sinala que os accesos aos campos de fútbol de San Pedro de Visma, cuxo proxecto de obras aprobou onte a Xunta de Goberno Local por valor de 854.686,46 euros, prestarán servizo ao edificio da Federación Galega de Fútbol, pois rematan, precisamente, ao pé do futuro inmoble. Curiosamente, o Goberno do Sr. Negreira ocultou esta información aos medios.
O BNG xa criticara no seu día o convenio asinado entre o Concello da Coruña e esta Federación ao entender que se trataba dun agasallo a esta entidade privada. Lembran as nacionalistas que, froito do convenio, o Concello cédelle á Federación unhas parcelas municipais durante 75 anos para que o ente privado poida construír un edificio administrativo e mais dous campos de fútbol. Ademais, malia non seren os campos de fútbol de uso exclusivo do Concello, os gastos de mantemento terán que ser soportados polas arcas municipais e non pola Federación.
O Grupo Municipal do BNG contrasta o gasto de 854.686,46 euros nas obras de urbanización deste acceso que remata xusto no edificio administrativo da Federación Galega de Fútbol co abandono ao que están sometidos os barrios próximos á zona. E é que mentres o Concello gasta esta cantidade nestes accesos, distintas zonas da cidade, como O Portiño ou Comeanda (en Bens) seguen a carecer de beirarrúas.