A Xunta de Persoal, "A Porta Aberta" e a remunicipalización, preguntas do BNG ao Pleno
A Coruña, 1 de marzo de 2016.- O Grupo Municipal do BNG ven de rexistrar para a súa resposta oral no vindeiro Pleno de marzo sendas preguntas relativas a os escritos da Xunta de Persoal do Concello, os prazos a execución do proceso participativo nos distritos e se existe algún estudo sobre a remunicipalización de servizos.
O BNG preguntará no vindeiro Pleno sobre os escritos da Xunta de Persoal do Concello, sobre a aplicación das conclusións do proceso A Porta Aberta e se existe algún estudo sobre a remunicipalización de servizos
Respecto á primeira cuestión, as nacionalistas queren solicitar aclaracións ao Goberno local do por que até 28 escritos presentados pola Xunta de Persoal do Concello da Coruña, os primeiros deles de principios de xullo de 2015, aínda non foron contestados, e se consideran aceptábel esta situación. O Bloque lembra que o Executivo municipal, desde a súa toma de posesión, aínda non se ten reunido coa representación das traballadoras e traballadores do Concello, que aínda estes non puideron facerlle traslado das súas demandas e que non contestan aos escritos que presentan, o que se traduce nunha máis que evidente falta de consideración ao cadro de persoal municipal.
A segunda cuestión que traslada o Bloque está relacionada co proceso A Porta Aberta. Neste sentido, o Grupo Municipal do BNG quere que o Goberno municipal aclare como e cando se van aplicar as conclusións do proceso participativo de conformación de distritos levado a cabo nos barrios en setembro e outubro de 2015. Xa van para catro meses do remate dos encontros nos barrios onde á veciñanza o único que se permitiu facer foi debuxar nuns planos o que eles consideraban o seu barrio. As únicas conclusións que se fixeron públicas destes encontros e que «se deben conformar máis de dous distritos», algo que xa sabiamos, e que «na Coruña a xente identifica 201 entidades territoriais», mais a modificación do Regulamento de Participación Cidadá segue sen iniciarse e o Goberno local non estableceu unha folla de ruta que poña data a facer efectiva unha verdadeira participación da veciñanza na toma de decisións nas políticas municipais indica Avia Veira.
Por último, a terceira pregunta que presentou o BNG está referida a se o Goberno da Marea Atlántica ten realizado algún estudo para facer posíbel a remunicipalización dos servizos municipais xa que a contestación do Goberno local a calquera alusión a esta promesa electoral é que seguen estudando como facer posíbel a remunicipalización de servizos. As nacionalistas sinalan que unha das propostas estrela da propia Marea durante a campaña electoral foi precisamente a remunicipalización dos servizos.