O BNG urxe a modificar o novo percorrido na liña 14 de bus, dadas as molestias na rúa Pepín Rivero
A Coruña, 7 de decembro de 2013.- A concelleira do BNG Avia Veira vén de presentar unha iniciativa co fin de que o Goberno municipal modifique o novo percorrido da liña 14 do bus urbano, un cambio que veu motivado pola decisión da Concellaría de Mobilidade de prohibir os xiros á esquerda na rúa Manuel Murguía e que provoca que a liña 14 atravese a rúa Pepín Rivero. Precisamente, nesta rúa condénsanse múltiples actividades: educativas (Conservatorio de Música, a Escola Oficial de Idiomas e a UNED), comerciais (alta densidade de pequeno comercio) e as da propia veciñanza que reside en Pepín Rivero.
Avia Veira, que acudiu falar coa veciñanza desta rúa e mais con persoas propietarias de estabelecementos comerciais, comprobou o evidente malestar pola decisión ilóxica imposta polo PP, de xeito unilateral. Advirte a nacionalista de que este cambio na liña 14 responde a un absoluto descoñecemento da vida da rúa Pepín Rivero por parte do Goberno do Sr. Negreira. A concelleira do BNG alude a que o Goberno municipal envía constantemente unha patrulla da policía local, para multar os vehículos que paran en carga e descarga, e mesmo o guindastre para despexar a vía porque o autobús non ten espazo para avanzar.
Alén das molestias que lles causa a comerciantes, estudantado e veciñanza, Avia Veira pon de manifesto que, desde o punto de vista da seguridade viaria, non semella nada seguro que un autobús dobre descenda pola curva que une a rolda de Outeiro con Pepín Rivero nin o xiro á esquerda desde Pepín Rivero cara á avenida de Gran Canaria.
O BNG denuncia que o Goberno do Sr. Negreira lle presentou á AVV o cambio da liña 14 como un feito consumado, sen sequera terlle consultado
Ante a preocupación da veciñanza e dos comerciantes, Avia presentou unha batería de preguntas para coñecer por que a liña 14 transcorre por Pepín Rivero e non outra vía, por que o Goberno municipal non consultou o comercio e a veciñanza antes de adoptar esa decisión, por que se lle presentou este cambio na liña á AVV Francisco Rodríguez Otero de Labañou como un feito consumado ou cantos cartos ten recadados o Concello coas multas e mais co guindastre desde que a liña 14 transcorre por Pepín Rivero.
Ademais, a concelleira do BNG préguntalle ao Goberno do Sr. Negreira se considera seguro que un bus dobre descenda a curva que baixa desde a rolda de Outeiro a Pepín Rivero así como o xiro á esquerda desta rúa cara a avenida de Gran Canaria, se vai escoitar a veciñanza para resolver as molestias causadas polo cambio de percorrido da liña 14, que outras decisións relativas á mobilidade ten pensado adoptar o Goberno municipal na rúa Pepín Rivero e se vai consultar a veciñanza e o comercio da rúa antes de adoptar vindeiras decisións.